Alfoz
Concello da comarca da Mariña Central situado na provincia de Lugo, no NL da comunidade autónoma (43° 31’ 42” N - 7° 24’ 50” S). Limita ao N cos concellos de Foz e do Valadouro, co que tamén limita polo O, ao S co de Abadín e ao L co de Mondoñedo, todos eles da Mariña Central agás o de Abadín, que pertence á comarca da Terra Chá. Abrangue unha superfice de 77,5 km 2 cunha poboación de 2.159 h (2007) distribuídos nas parroquias Adelán, Bacoi,Carballido, O Castro de Ouro, Lagoa, As Oirás, O Pereiro, O Reirado e San Pedro de Mor. A capital está situada no lugar da Seara, na parroquia de Mor. Situado a 81 Km de Lugo, está adscrito ao partido xudicial de Mondoñedo e á diocese de Mondoñedo.
Xeografía física
O concello de Alfoz sitúase nunha área de transición ao dominio climático oceánico de montaña. O seu relevo, que amosa unha nidia dicotomía entre montaña e de fondo de val, condiciona os rexistros térmicos suaves que caracterizan o clima do concello. A temperatura media anual é de 12,5°C. A media de xaneiro é de 8,0°C e a de xullo de 17,1°C. A amplitude térmica extrema chega aos 22,1°C. O número de días ao ano libres do risco de xeada é de 201. A precipitación anual media é de 1.345 mm cunha distribución estacional que amosa unha leve seca estival: 38% de precipitación recollida en inverno fronte ao14% do verán, quedando as estacións de transición en valores medios (22% na primavera e 26% no outono). O relevo estrutúrase ao redor de dúas grandes unidades claramente diferenciadas: unha zona montañosa formada pola serra do Xistral, onde salientan Veiga de Murás (751 m), Montemaior (749 m) e o Leboreiro (672 m), un chanzo intermedio de transición topográfica e o fondo do val Ouro no seu treito intermedio. A tectónica actuou fortemente neste sector das serras setentrionais, onde existen numerosas fracturas en dirección NNL-SSO seguidas polos leitos dos ríos da bacía do Ouro. É salientable, así mesmo, a morfoxénese periglaciar na serra do Xistral. A rede hidrográfica está formada polo río Ouro, que nace dunha cabeceira ramificada en varios regueiros na serra do Xistral, e os seus afluentes. Pola marxe dereita do Ouro son salientables o río Beloi, que descende dende a parroquia de Pereiro ata Santa Mariña onde desauga, e o Cobos, que transcorre a través da parroquia de Bacoi, en tanto que pola marxe esquerda, cómpre sinalar o río Ferreira, que atravesa o concello en dirección L - O procedente do concello limítrofe de Valadouro, e o Bao, que transcorre a través da parroquia de Mor procedente do concello do Valadouro. O amplo val do río Ouro, cheo de depósitos aluviais, (24,1% do territorio do concello) concentra solos de gran fertilidade.
Xeografía humana
A poboación do concello de Alfoz experimentou ao longo dos últimos dous séculos unha evolución inserta nas liñas mestras que definen o modelo xeral galego: incremento relativamente moderado dende 1887 (3.611 h) ata 1940 (4.017 h), cun pequeno retroceso entre o ano 1910 e o 1920, para iniciar dende entón un proceso de perda de poboación, acentuado na década de 1960. O crecemento vexetativo do período 1970-1996 foi fortemente negativo, cifrándose en -25,56%. A tendencia á baixa continuou e en 2001 rexistrouse unha unha perda de poboación do 6,7% da poboación respecto á de 1996, dende 2001 ata 2007 a poboación decreceu un 9,4%. Esta continua perda de poboación reflictese nunha taxa de baixa, 4,5‰ e unha alta taxa de mortalidade, 19,4‰, o que reflicte un movemento natural negativo do -14,9‰.O resultado destes movementos demográficos é unha estrutura por idades moi avellentada onde a poboación maior de 65 anos representa o 35,4% do total fronte ao 11,5% da poboación menor de 20 anos; o grupo maioritario é o intemedio, cun 53,1%. A distribución por sexos mostra un pequeno desequilibrio a prol das mulleres, 51,73% fronte ao 48,26% dos homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Alfoz e do 40,9% (53,7% a masculina e 29% a feminina); a taxa de ocupación sitúase no 36,8% (48,9% a masculina e 25,5% a feminia); a taxa de paro reflite un 10% (8,8% a masculina e 5,5% a feminina). A economía do concello de Alfoz aínda mostra unha certa preminencia do secto primario, cun 29,7% da poboación activa dedicada aos traballos agrícolas e un 2% ás actividades pesqueiras. A agricultura ten un carácter tradicional, predominando os cultivos de millo e pataca que alternan coas pradeiras e, en ocasións, cos cultivos intensivos de hortalizas. A gandaría, sobre todo bovina, especializouse na producción leiteira, orientada cara ás industrias lácteas próximas. Por último, cunha extensa superficie arbórea (61,1%) o sector madereiro (piñeiro e eucalipto) converteuse no principal recurso económico, xa que fornece de materia prima aos numerosos aserradoiros que hai no concello. A industria, basicamente de derivados forestais, ocupa ao 16,4% da poboación activa; tamén teñen certa importancia as industrias extractivas (feldespatos, caolín, granito e pizarra) e os transformados metálicos. A construción ocupa ao 15,2% da poboación activa e ten un marcado carácter local, tanto na iniciativa empresarial coma no marco de actuación. Os servizos, malia a súa escasa significación neste concello -posto que os alfocenses adoitan trasladarse aos concellos limítrofes ou á súa área de captación territorial (Mondoñedo, Ribadeo, Burela ou incluso Lugo)- emprega ao 36,7 % que se agrupan na administración local, no ensino e sanidade e, sobre todo, no pequeno comercio de primeira necesidade, nas actividades bancarias e na hostelería.
Historia
As mostras máis antigas do poboamento de Alfoz son un grupo de mámoas, entre as que sobresae pola súa entidade a Pena Abaladoira, nas penechairas da serra do Xistral, na parroquia do Pereiro, e os castros de Bacoi e Santa Mariña. É posible que na súa orixe o territorio estivese administrado pola vila de Mondoñedo, o que xustificaría a orixe do topónimo; O Mariscal Pedro Pardo de Cela foi señor deste territorio onde tiña un castelo, no lugar de Castro de Ouro. O territorio de Alfoz foi escenario do sitio á fortaleza da Frouxeira (hoxe en ruínas), no Carballido, onde Pedro Pardo de Cela resistiu ata 1483 o ataque de Fernando de Acuña, primeiro gobernador dos Reis Católicos en Galicia. No Antigo Réxime, as parroquias que integran o actual concello de Alfoz pertencían a xurisdición da provincia de Mondoñedo. Dende 1833 pasou a depender da nova provincia de Lugo; así mesmo, en 1840 disolveuse para ser integrado no concello de Valadouro, se ben este feito foi moi esporádico, pois en 1841 xa recuperara a súa autonomía.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan os sartegos antropoides de Olveda e a igrexa románica de Adelán, da época medieval. Do antigo castelo de Pardo de Cela consérvase a torre da homenaxe, un edificio gótico de planta rectangular do s XV reformado no s XX para acoller a Casa do Concello e o xulgado de Alfoz, foi declarado BIC en 1994 xunto cos restos da fortaleza da Frouxeira. Dos numerosos pazos e casas grandes conservados destacan os de de Rizal e Carrocide, na parroquia da Lagoa, o pazo de Allegue, en Carballido, e o de Salvaterra, na de Aldeán. O patrimonio natural está composto polo espazos naturais do Río Ouro e da Serra do Xistral declarados Lugares de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Celébranse, entre outras, as festas de San Salvador no Castro de Ouro en agosto, San Roque en Carballido en agosto, San Vicente en Lagoa en xaneiro, as de San Pedro de Mor en xuño, as de San Cristovo en San Pedro de Mor en agosto e as de Nosa Señora de Bavocoi e Nosa Señora en Pereiro, en agosto.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | LUGO |
|---|---|
| Comarca | Mariña Central, A |
| Extensión | 77 Km2 |
| Poboación Total | 2159 h |
| Poboación Homes | 1042 h |
| Poboación Mulleres | 1117 h |
| Densidade de poboación | 28.04 h/Km2 |