alga
(< lat alga)
-
s
f
[PROTISTA]
Grupo artificial e heteroxéneo de seres vivos fotosintetizadores, con tipos morfoloxicamente moi variables, unicelulares ou pluricelulares, macroscópicos ou microscópicos, cun número próximo ás 30.000 especies. Diferéncianse das plantas por ser talófitos, ao non presentar tecidos ben estruturados, e vexetais non vasculares, ó non ter vasos condutores. Atendendo aos tipos ecolóxicos pódense distinguir as formas: planctónicas ( diatomea, dinoflaxelado), de vida aboiante e organización celular sinxela que constitúen o 75% das especies; bentónicas, fixadas a un substrato e organización filamentosa ou laminar; simbiontes, asociadas de xeito mutualista a outros organismos como fungos (formando liques) ou anémonas, corais e bivalvos (caso das zooxantelas). Aínda que todas as algas son autótrofas, non todas son verdes ( clorofícea) como acontece nas plantas, así hai algunhas pardas ( feofícea), outras vermellas ( rodofícea), douradas ( crisofícea) ou mesmo de tons azulados ( cianofícea). Isto débese á presencia de certos pigmentos celulares como as xantofilas ou as ficobilinas, que xunto coa clorofila outórganlles ese carácter fotosintetizador. Cada un destes pigmentos non absorbe por igual as radiacións luminosas. Deste xeito a abundancia dun ou outro pigmento vai influír na distribución vertical (zonación) de especies no litoral; así, en primeiro lugar dominan as verdes, logo as pardas e nas zonas máis fondas só poden aparecer as vermellas. Non obstante hai outros moitos factores que inflúen na distribución das especies, tales como a salinidade, os movementos das augas, o vento, a cantidade de nutrintes e a contaminación. Recoñécense nas algas procesos de reprodución vexetativa, sen intercambio xenético, e de reprodución sexual. A reprodución vexetativa nas algas unicelulares (monadais, con flaxelos ou ameboides) acostuma facerse por bipartición, é dicir, rompendo a célula en dúas partes máis ou menos iguais; nas pluricelulares (coloniais, filamentosas, laminares, etc) pódense desprender anacos da alga, capaces de medrar ata formar novos individuos, ou ben, poden producir células especializadas con capacidade de formar novos individuos por mitose. Máis complexa é a reprodución sexual, que leva asociado o intercambio xenético: fusión de gametos e meiose, ás veces precedidas da produción de esporas. Neste último caso poden presentar unha morfoloxía determinada na fase produtora de gametos (gametofito) e outra moi diferente na produtora de esporas (esporofito). En Galicia recóllense as algas de arribazón para fertilizar as leiras logo de deixalas nas praias un tempo para que perdan parte do sal grazas ao lavado da chuvia. Ademais, as grandes algas xeran gran cantidade de produtos viscosos (alxinatos, agar, carraxenatos, etc), coñecidos globalmente coma ficocoloides, que teñen variados usos tanto na industria da dietética como na alimentaria, na médica ou na cosmética. Tamén se emprega o ágar-ágar (extracto de certas algas vermellas) nos laboratorios, para elaborar medios de cultivo, e en produtos cosméticos. Tamén se empregan para perfumes e tónicos nestas mesmas especies de algas trituradas, deshidratadas ou en fariña e, sobre todo, formando parte de baños de algas con fins relaxantes, hidratantes, depurativos e adelgazantes. Na industria alimentaria derivados como espesantes de salsas, xelados, pratos precociñados e sopas, así como como conservantes (do E-400 ao E-407). Hai certos biscoitos, galletas e pastas doces que se elaboran con fariña de algas. Tamén se consomen directamente, xa sexa en fresco, deshidratadas ou conxeladas. En Galicia envásanse algunhas especies como as correas (Himanthalia elongata), a xaponesa (Undaria pinnatifida) ou a leituga de mar (Ulva rigida). Conteñen cantidades apreciables de azucres (arredor dun 50%), proteínas (un 10%), fibra (un 20%) e graxas (só un 3%); pero sobre todo teñen importancia na dieta como suministradoras de minerais e vitaminas, polo que se empregan como complemento dietético.
Sinónimos: argazo. -
s
f
[ALIM]
Utilízanse na nova cociña nalgunhas preparacións culinarias. En Galicia a súa aplicación está aínda comezando e son empregadas, sobre todo as liofilizadas, por algún cociñeiro vangardista, pero co produto ao natural ou preparado. Tense experimentado moi pouco, e en calquera caso, en actos de carácter promocional ou na presentación deste produto como alternativo; resultando un produto innovador na cociña galega.