algonquino -na

algonquino -na
  1. adx [ETN]

    Relativo ou pertencente aos algonquinos.

  2. s [ETN]

    Individuo dalgunha das diversas tribos algonquinas.

  3. s m pl

    Conxunto de tribos amerindias que se espallaron, a partir da zona que circunda a baía de Hudson, por América do Norte; na actualidade localízanse ao L da cidade de Otawa (Canadá) e nalgúns territorios dispersos dos EE UU. O seu nome provén da familia lingüística algonquina, que comprendía as tribos dos cree, ojibwa, cheyenne, etc. A expansión dos iroqueses dividiu os grupos algonquinos, división que explica as variacións que se observan na súa cultura. Nunha primeira fase do seu desenvolvemento cultural e socioeconómico, baseaban a súa economía na recolección, a pesca e a caza (basicamente do reno). A segunda fase, notoria entre os delaware e os mohicanos, combinaba a caza coa agricultura. A terceira fase, que afectou fundamentalmente ás tribos cheyenne, blackfoot, arapaho e atsina, caracterizouse pola caza a grande escala do bisonte.

  4. [LING]
    1. adx

      Relativo ou pertencente á lingua falada polos algonquinos.

    2. s m

      Familia de linguas da zona do subártico americana, actualmente todas en vías de extinción, da que se descoñece a filiación con outros grupos lingüísticos (segundo diversas hipóteses non sería nin sequera amerindia). Está formada por un conxunto de dialectos entre os que cómpre destacar os seguintes: o cree, o ojibwa, o micmac e o malecite no leste subártico; o fox e o potawtomi nas Pradeiras Centrais; o blackfoot, o cheyenne e o arapaho nas Grandes Chairas; e o shawne e o delaware en Oklahoma. Con esta familia relaciónanse, de xeito indirecto, certas linguas faladas no sur e no leste de Norteamérica: choctaw-chickasaw e o creek-seminole da familia muskogean. Unha relación máis estreita establécese con algunhas linguas illadas da costa noroeste como o wiyot e o yurok (case extintas). As linguas algonquinas son linguas flexionais que distinguen netamente os radicais verbais dos nominais, que fan moito máis uso dos sufixos que dos prefixos e, en xeral, son de entre as linguas americanas, das menos distantes dos tipos indoeuropeos.

    3. s m

      Lingua da familia lingüística algonquina.

  5. adx [ESTRATIG]

    Relativo ou pertencente ao Algonquino.

Palabras veciñas

algomanía | algómetro | Algonquino | algonquino -na | algoritmia | algorítmico -ca | algoritmista