alisio

alisio
s m [METEOR]

ento baixo e constante que sopra durante todo ano na zona tórrida, desde as faixas tropicais anticiclónicas cara á zona das calmas ecuatoriais, de maneira que no hemisferio boreal son do NL, e no austral do SL, por mor da forza de Coriolis. Son unhas desviacións da parte inferior do protoalisio producidas polo rozamento deste coa superficie terrestre. Os límites en latitude dos lugares onde sopran os alisios son, sen embargo, variables, pois a declinación do sol inflúe sobre eles facéndoos oscilar de N a S en función desta. A teoría térmica da circulación atmosférica atribúe aos alisios o papel de motor principal da circulación, pero unha vez rebatida esta teoría, que foi substituída pola moderna teoría dinámica, os alisios ficaron relegados á categoría de ventos sen ulterior transcendencia para a circulación xeral. Na historia da navegación a vela os alisios foron uns ventos tan favorables para os que ían de Europa a América ou de América a Asia como os que ían a África polo Pacífico, e que serviron para trazar as súas derrotas transoceánicas; de aquí que sexan denominados polos ingleses trade winds ou ventos do comercio.