Almas Mortas

Almas Mortas

Texto dramático escrito por Antón Vilar Ponte e publicado en Céltiga en 1928. Descrita polo autor como novela dialogada e patriótica farsada, a peza, de indubidable carácter dramático, constitúe unha denuncia do que Vilar Ponte consideraba como “unha das maiores chagas aberta e sangrante na nosa terra”, a emigración. Construída a base de oposicións e contrastes, para os que utiliza a técnica do espello, tan apreciada en psicodrama, a obra dá conta da traxedia de Pepe, un de tantos americanos que, cheos de riqueza e perdidos os sinais de identidade, volve á terra para visitar a familia. Fronte a el, e como alternativa á súa vida, desfeita e intranscendente, sitúase Pedro, o compañeiro de mocidade que decidiu quedar na terra e que, con tesón e moito traballo, foi quen de facer fortuna e enviar o seu fillo á universidade. E fronte a caciques e indianos desleigados temos a Don Ramonciño, médico solidario e galeguista que día a día atende a todos cantos padecen os moitos males e traxedias que provoca a diáspora. A peza convértese así nunha especie de mural no que se ofrece unha visión crítica da situación de Galicia e da influencia que na mesma ten a emigración, causa de desarraigo, da ruptura de familias, do abandono de fillos e mulleres, da miseria que padecen os que non fixeron fortuna e da pobreza dos que, facéndoa, esqueceron quen realmente son. A morte de Pepe, atropelado polo coche dun americano máis rico, é, en palabras de Don Ramonciño, “unha morte simbólica”, como simbólicos son todos e cada un dos personaxes que interveñen no drama e que tantas semellanzas gardan coas figuras humanas retratadas nas Cousas de Castelao. Diversos investigadores teñen insistido na imposibilidade de que un texto destas características poida servir de elemento textual nun espectáculo teatral, mais trátase dun xuízo que, como no caso doutros moitos textos, semella aventurado de máis e carece de moito valor, pois foi formulado desde a crenza de que a creación escénica é un simple proceso de tradución de significantes, esquecendo a existencia de disciplinas como a Dramaturxia, a Teoría da Posta en Escena ou a Dirección de Escena.

Palabras veciñas

Almargen | almarraxa | almártega | Almas Mortas | almasilio | Almàssera | Almassora