almiñas
(
Representación da dimensión espiritual dun humano xa morto que vaga aínda pola terra, entre os vivos, á procura da súa salvación e da redención de certos pecados que deixaron consecuencias abertas. Tamén se aplica ás almas sinxelas e de boa fe. Estas almas en pena percorren os lugares pedindo sufraxios e reúnense formando a Santa Compaña para ir ata a porta dun veciño ao que lle van anunciar a morte. As desgracias e enfermidades poden interpretarse como castigo das almas coas que non se cumpriu. Ás veces, chegan a formar parte da familia, de aí que nalgúns sitios haxa o costume de non pechar as portas e cancelas con forza pola noite para non perturbalas; e mesmo, no Nadal, queda un servizo posto na mesa para que compartan a celebración coa familia. Adoitan presentarse en forma de avelaíñas brancas se están redimidas e de avelaíñas negras se agardan o sufraxio para aliviar as penas.