Alvarellos, Editora Técnica

Alvarellos, Editora Técnica

No mes de maio de 1977 principia a súa actividade, en Lugo, Alvarellos Editora Técnica. A nacente editorial abre as súas portas coa novela Botei corenta anos, da que é autor Enrique Alvarellos Iglesias, fundador e director da propia empresa. Dous firmes obxectivos centran a actividade desta editorial: dar a coñecer a escritores novos da nosa narrativa, e, por outra banda, recuperar, por medio de edicións facsímiles, obras dos séculos XVIII e XIX, hoxe moitas delas esquecidas e que configuran parte da historia da nosa Terra. Durante os primeiros anos de funcionamento da editorial, o esforzo concentrouse na nova narrativa galega daqueles días: Xabier Alcalá, Manuel María ou Xabier Rodríguez Barrio foron algúns dos autores editados, xunto con outras obras de ensaio como El Mariscal Pardo de Cela, de Eduardo Pardo; Lugo en sus Orígenes, de Narciso Peinado; ou Onomástica Persoal do Noroeste Hispano, de Eligio Rivas. No eido das publicacións facsímiles, destacan as Obras completas do Cura de Fruime (7 tomos), Obras Póstumas do Padre Sarmiento; España Sagrada, de Flórez e Risco, Argos Divina, de Pallares; Arquitectura de Vitruvio, Historia de Galicia de Vicetto (7 tomos); Historia de Pontevedra, de González Zúñiga; Puntos Negros del Descubrimiento de América, de Luis Vega-Rey; Almanaque de la Inquisición, ou a Arte de destilar aguardientes y licores, de Miguel de Burgos, entre outros. Na decidida aposta por abordar, ben en xénero de fición, ben por medio de ensaios ou libros científicos, todo o que teña que ver coa nosa cultura, Alvarellos Editora publicou tamén, o libro Bandas de Música de Galicia, un ensaio que foi finalista do Premio á Investigación de Galicia 1987, de Enrique Alvarellos Iglesias; Xoguemos coas matemáticas na ESO, de Cecilia Alvarellos, Galicia canta ao Neno de Fuxan os Ventos; ademais de diversas partituras de polifonía sacra e profana. Polas súas características de empresa familiar, esta editorial luguesa integra, no seu proceso de produción, desde a impresión ata a comercialización dos libros.