Álvarez, Grupo de Empresas
Grupo de empresas fundado no 1922 como froito das inquedanzas de Manuel Álvarez Pérez e que terá como sucesor a Moisés Álvarez O’Farril durante as décadas dos cincuenta e sesenta. O Grupo Álvarez configúrase actualmente como o líder nacional e un dos primeiros grupos internacionais do sector de cerámica de mesa e decorativa, actividade na que está presente a través das súas distintas factorías. A actividade deste grupo empresarial compleméntase coa produción de envases de vidro. No 1999, o Grupo de Empresas Álvarez conta con catro fábricas organizadas do seguinte modo: Fábrica de Porcelana Santa Clara, situada en Cabral, iniciou a súa actividade no 1941 e está especializada na produción de vaixelas, elementos decorativos e vitroporcelana que comercializa baixo a marca Santa Clara; Pontesa, situada en Ponte Sampaio (Pontevedra), inaugurada no 1961 dedícase á fabricación de vaixelas e elementos decorativos de louza comercializados baixo a marca Pontesa e conta ademais coa marca comercial Alfares; Mohasa, situada en Coruxo (Vigo), comezou a súa produción no 1969 e fabrica vaixelas e elementos decorativos de vitrolouza, baixo a marca Álvarez Hostelería; e Vanosa (Vidrios Automatizados del Noroeste, SA), situada en Cabral, comezou a súa fabricación no 1968 e especializouse en produción de series curtas de envases de vidro personalizados, comercializando os seus produtos baixo a marca Vanosa. O Grupo Álvarez conta cun departamento de deseño e unha fábrica de calcomanías cerámicas que o abastecen no seu proceso decorativo. Tamén alterna os deseños internos cos realizados por algúns dos deseñadores máis prestixiosos tanto nacionais coma internacionais. Durante o ano 1977 este grupo empresarial controlaba o 70% do mercado nacional da louza e o 40% do mercado nacional da porcelana. En 1978, contaba con 2.985 traballadores pero comezou o seu declive, que chegou a unha situación crítica en 1996. O 29 de abril de 1996 celebrouse unha reunión na que participaron os Conselleiros de Economía, Industria e Relacións Laborais, o Alcalde de Vigo (Manuel Pérez), representantes dos sindicatos CC OO, UXT e USO, e membros do comité de empresa na que se acordou crear un equipo de xestión no que se integrara o directivo financeiro da empresa -Cavedo-, e o redactor do plan de viabilidade, Pascual Silva. O plan de salvación da empresa foi adquirir a un prezo simbólico dunha peseta por acción, implicándose SODIGA que participou co 35% das accións, a Caixa de Aforros Municipal de Vigo que participou co 6%, o Banco Pastor cun 6%, o Banco Bilbao Vizcaya cun 5%, a familia Álvarez cun 29 % e o Instituto Nacional de Industria cun 10%. Malia o plan de salvamento, as mobilizacións obreiras proseguiron durante todo o 1996, constituíndose o Grupo de Opinión de Empresas Álvarez que reivindicaba a defensa dos postos de traballo e o pagamento das nóminas. A Xunta de Galicia en 1996 concedeu unha axuda para aboar as nóminas atrasadas dos traballadores. Estas medidas de salvamento do Grupo de Empresas Álvarez contempláronse no marco normativo da Unión Europea.