Álvarez de Soutomaior, Pedro
Conde de Soutomaior (1468-1486), tamén chamado Pedro Madruga xa que, segundo a tradición, acostumaba erguerse cedo. Fillo bastardo de Fernán Yáñez de Soutomaior, a súa nai pertencía á familia Zúñiga da casa de Monterrei. Destinado a ser clérigo, foi excluído de todo dereito sucesorio polo seu pai; grazas ao apoio do seu irmán Alvar Páez de Soutomaior, que era fillo lexítimo, foi nomeado o seu descendente, para acadar o título en 1468, durante a loita Irmandiña. Mentres reinou Enrique IV (1455-1474) beneficiouse do favor e da debilidade da coroa consolidando e incrementando os seus dominios: inicialmente, o castelo de Soutomaior, as casas fortes de Trinidad, Alba, Cotobade e Fornelos, xunto coa posesión en feudo dun total de vinte freguesías en terra do Salnés. Cara ao ano 1467, obtivo de Enrique IV un xuro de herdade de 150.000 maravedís sobre as rendas reais de Pontevedra, Vigo e Redondela, feito que na práctica supuña o control desas vilas. Todas estas circunstancias motivaron numerosos conflitos tanto con Alonso de Fonseca, que posuía a xurisdición á que pertencían esas cidades, como cos bispos de Tui, debido ás encomendas que exercía sobre a Igrexa de Tui. Entre 1467 e 1469 refuxiouse en Portugal, onde gañou a simpatía do Rei portugués, casou con Teresa de Tábora e principiou unha fonda vinculación política e familiar con Portugal. A reacción feudal contra os irmandiños entre os anos 1466 ata 1468 proporcionoulle a oportunidade de obter unha posición dominante no escenario nobiliar galego. Así, organizou e liderou unha coalición que agrupaba o Arcebispo Fonseca, a Xoán Pimentel, Fernán Pérez de Andrade, Gómez Pérez das Mariñas, Sánchez de Ulloa e Lope Sánchez Moscoso. Nas campañas emprendidas contra os Irmandiños, Soutomaior toma Pontevedra e, en xornadas sen descanso, aparece ás portas de Santiago. A campaña continuou ata acabar co único irmandiño que resistía: Alonso de Lanzós. Non obstante , esta alianza da nobreza contra os irmandiños axiña se rompeu a causa das esixencias particulares de cadaquén. Trala recuperación dos nobres, arremeteu contra Fonseca, quen comezou a oporse á nobreza galega a prol dos últimos focos irmandiños. Así mesmo, en 1477, entrou na liga antifonsecana, que buscaba rematar co predominio señorial de Fonseca e aumentar as preminencias da nobreza. Pedro Álvarez de Soutomaior e Diego de Lemos foron os compromisarios da nobreza galega nesta comprometida tarefa, na que participaba, ademais da nobreza, o clero. Fonseca veuse obrigado a aceptar un pacto cos Moscoso e Soutomaior que mostra claramente a situación real dos dous contendentes e mesmo trasloce o talante de ambos. Trala morte de Enrique IV (1474), comezou o conflito sucesorio entre Isabel e Xoana. Soutomaior, xunto co bando portugués, apoiou a Xoana. Fonseca, buscando a súa rehabilitación e un ascenso político, apoiou a Isabel. Logo de resolverse o conflito a prol de Isabel, Soutomaior veuse obrigado a devolver as vilas conquistadas a Fonseca e os Reis Católicos desmentiron o seu dereito ao xuro de herdade. Estas vitorias dos reis no senso xurídico non comprometían de momento a súa forte posición militar: se Fonseca estaba amedrentado en Santiago, o Bispo de Tui, Diego de Muros, encontrábase só e indefenso ante os abusos do conde contra a Igrexa. Soutomaior, que influíu no matrimonio entre Xoana e o monarca portugués Afonso V, recibiu o título de conde de Camiña e participou na invasión portuguesa de Castela, proclamando a Afonso e Xoana como reis de Portugal, Castela-León e Galicia, en Vigo, Caldas de Reis, Pontevedra, Padrón, Baiona e Tui. Este éxito portugués comezou a minguar trala batalla de Toro e a arriscada viaxe de Afonso V a Francia. No outono de 1476 organizouse a contraofensiva castelá en Galicia, onde Fonseca, o conde de Monterrei e outros nobres galegos se dirixiron a Pontevedra, axudados dende o mar por unha escuadra mandada por Ladrón de Guevara, dispostos a reducir ao conde de Camiña, quen resistiu prolongados cercos á cidade, e que rematan en fracaso para os asaltantes que, á súa vez, teñen a necesidade de pactar unha tregua co conde o 24 de octubre de 1476, que duraría ata o 1 de maio de 1477. O equilibrio momentáneo que quere establecer esta tregua demostra que a posición de Soutomaior seguía a ser segura; sen embargo, foi consciente de que a súa situación era á vez vacilante e comprometida, polo que declarou herdeiro ao seu fillo Álvaro. En 1477 fíxoo prisioneiro Rodrigo Alonso Pimentel, feito que aproveitou Fonseca para tomar Pontevedra e o resto das vilas de Soutomaior. En 1478, logo da súa liberación, reaparece e volve enfrontarse co Arcebispo Fonseca; a súa acción será fulminante e obterá grandes triunfos. Pero neste ano, a súa situación tornarase ameazadora, xa que os reis portugueses se apresuraban agora a buscar unha solución honrosa ao conflito con Castela e non podían seguir mantendo os seus compromisos coa nobreza galega. Xa en 1480, estaban en Galicia, Antón de Paz, cos seus mercenarios da Hermandade, e o Gobernador Acuña, disposto a acabar con Soutomaior. Dándose conta do comprometido da súa situación, intenta actuacións de desagravio cara aos seus adversarios e cara á Coroa; así en 1482 restituíu a Diego de Muros todos os bens que tiña usurpados á Igrexa de Tui. Non obstante , os Reis Católicos esíxenlle a Álvaro de Soutomaior que asuma o título e a posesión do señorío de Soutomaior (1483); daquela, Pedro Álvarez de Soutomaior refúxiase en Portugal, á espera de novas oportunidades para as súas arremetidas, aínda que desherdando o seu fillo. Álvaro herdou o señorío co apoio e a confianza da Coroa e converteuse nun novo tipo de nobre, sumiso á vontade dos monarcas. A fin de Soutomaior quedou envolta para a posteridade no misterio. Segundo algunhas crónicas intentaría unha nova aventura, contra o consello dos seus amigos, que era gañar a graza real, para o que se presentou na Corte, en Alba de Tormes, confiando nos bos servicios do seu amigo o duque de Alba. Sen conseguir os seus propósitos, encontrou alí a morte. Debido a esta escura fin, algúns historiadores atribúen a Pedro Álvarez de Soutomaior a personalidade de Cristovo Colón, debido ás súas orixes escuras e ao feito de que chegase a Castela procedente de Portugal; así mesmo, apóianse en determinados documentos que parecen corroborar a orixe pontevedresa deste personaxe.