Álvaro Cunqueiro, Premio de Textos Teatrais
Foi creado en 1988 pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Dotado economicamente con 1.000.000 de pesetas e convocado con carácter anual, podían acceder a el tan só textos teatrais inéditos. O premio incluía a publicación e, de ser o caso, a representación da obra premiada. Nas sete edicións que tivo resultaron gañadores do Premio: Roberto Salgueiro con O arce do xardín (1988); Euloxio R. Ruibal por Azos de esguello (1989); Agustín Magán por Os rebertes (1990); Roberto Vidal Bolaño con Saxo tenor (1991); Xosé Cid Cabido e Andrés Vila con Copenhague (1992) e Manuel Riveiro Loureiro por O prazo. Convocouse por última vez en 1994, debido a unha reestruturación na política de premios da Consellería de Cultura, pola que se decidiu outorgar un único galardón, o Premio das Letras e das Artes de Galicia, no que se recoñece o labor de toda unha traxectoria vital dedicada á cultura galega. En xaneiro de 1999 o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais decide recuperar a convocatoria deste premio para textos teatrais coas mesmas bases que tiña.