Amadís de Gaula
A novela cabaleiresca Amadís de Gaula foi atribuída na primeira edición (Zaragoza, 1508) ao valisoletano Garcí Rodríguez de Montalvo, que parece levar a cabo un labor de refundición dun ou varios textos preexistentes; segundo indica o Prólogo, Montalvo interviu “corrigiendo estos tres libros (...) que por falta de los malos escriptores o componedores, muy corruptos y viciosos se leían, y trasladando y enmendando el libro quarto”. Este aspecto motivou entre a crítica opinións enfrontadas sobre o establecemento dunha orixe castelá, portuguesa -ou mesmo francesa- para a obra en cuestión. A pesar da procedencia de Montalvo e da aparicición de fragmentos en castelán da novela en manuscritos anteriores á primeira edición, hai quen postula a existencia dun primitivo Amadís portugués baseándose nas alusións en textos portugueses dos séculos XV e XVI a un tal Vasco de Lobeira como autor da obra: así acontece na Crónica do Conde dom Pedro de Meneses, redactada por Gomes Eanes de Zurara entre 1458 e 1463, e na edición dos Poemas Lusitanos de António Ferreira de mediados do século XVI. Abonaba tamén esta tese a presenza nos folios 64rº-64vº do Cancioneiro da Biblioteca Nacional (B) da composición “Senhor genta” -célebre polo seu estribillo “Leonoreta / fin roseta”-, incluída en castelán (con algunhas modificacións froito da súa adaptación ás modas da poesía castelá do século XV) na versión coñecida do Amadís. A atribución da cantiga a Johan Lobeira fixo ver neste a un primeiro autor da novela, que máis tarde continuaría algún descendente seu chamado Vasco de Lobeira. Non obstante , a hipótese non parece viable porque a composición inserta en B debe atribuírse sobre todo a algún membro da corte poética de Afonso XI, en virtude das múltiples semellanzas que o texto presenta coa canción do Rei castelán “En un tiempo cogi flores”. O resultado foi un dos libros que inicia o xénero de cabalerías na Península Ibérica, dunha prosa elegante e artificiosa. O heroe deste libro é o prototipo do cabaleiro medieval valente, namorado, cortés e xusto. Este foi o modelo escollido por Cervantes para o seu paródico don Quixote.