amálgama

amálgama

(

  1. s f [LING]
    1. Fusión de dúas palabras, termos, voces ou mesmo morfemas nunha soa forma (doutro, equivalente a de  + outro); un caso particular é a haploloxía.

    2. Reunión nun mesmo morfema de diversos sentidos gramaticais (en levamos, a desinencia -amos expresa primeira persoa, plural, presente, indicativo); este fenómeno é típico das linguas flexivas.

    3. Reunión nun mesmo termo ou morfema de diversas funcións sintácticas (os pronomes relativos acumulan o valor pronominal da anáfora coa función subordinante das conxuncións).

  2. s f [IND]

    Aliaxe de mercurio e dun ou varios metais máis. O ferro, o cobalto e o níquel non se amalgaman directamente, e o platino faino con dificultade, pero todos os outros metais correntes disólvense en maior ou menor cantidade no mercurio e moitos deles (ouro, prata, cobre, estaño, cadmio, cinc, sodio e outros) disólvense mesmo en frío. As amálgamas poden ser sólidas ou líquidas e consisten en solucións do metal amalgamado ou en solucións dun composto definido entre este metal e o mercurio. Algunhas amálgamas teñen aplicacións industriais ou técnicas, como as do cinc, prata, estaño ou sodio.

  3. s f

    Mestura de elementos heteroxéneos.

  4. s f [MED]

    Aliaxe de prata e estaño empregada nas obturacións dentais pola súa plasticidade e polo seu rápido endurecemento.