Amarante, condado de
Título que foi concedido o 3 de agosto de 1648 a Xoán de Lemos Sarmiento Ulloa e Acuña, fillo de Alonso de Lemos e de Xoán de Acuña, señores de Amarante. O conde de Amarante morreu sen descendencia polo que os seus dereitos pasaron á súa irmá maior Constanza de Lemos, muller de García Ozores, señor de Troáns e do Covelo. O fillo de ambos García Ozores, mestre de campo, casou coa marquesa de Valladares. Ao faleceren sen descendencia, herdou o título a irmá do mestre Xoana de Ozores. A xurisdición de Amarante comprendía varias parroquias do concello lugués de Antas de Ulla. Nobres do Pazo de Santa Mariña de Castro de Amarante, residencia dos Vázquez de Villasante, Vázquez Taboada, Noguerol e outros adoitaron apelidarse Amarante. Este condado caeu máis adiante na Casa de Camarasa. Os primeiros señores do Val de Lemos exerceron o seu señorío sobre Ferreira de Pantón, Sober e Amarante e, en tempos de Filipe IV, outorgóuselles o título de condes de Amarante; de feito, as súas armas son as mesmas ca as dos López de Lemos: en campo de prata, trece roeles de azur. Non obstante , algúns investigadores sinalan para esta liñaxe outra variante: en campo de azur, trece roeles de prata, cun punto no centro colocados 5, 4, 3 e 1, en situación de faixa.