americanismo

americanismo

(< topónimo América)

  1. s m

    Afecto ás cousas de América.

  2. s m

    Costume ou maneira de pensar característico de América.

  3. s m [POLÍT/RELIX]

    Movemento propagado ao final do s XIX entre os católicos americanos con vistas a adaptar a vida da igrexa aos ideais da cultura do tempo. O seu iniciador, Isaak Thomas Hecker (1819-1888), poñía énfase nas virtudes activas sobre as pasivas. O Papa León XIII condenou esta tendencia, logo desaparecida, na Carta Apostólica Testem benevolentiae ao Xeneral Gibbons (1890).

  4. s m [LING]
    1. Palabra ou expresión orixinaria dunha lingua indíxena de América que se introduce noutra lingua. O arauaco, o caribe, o nahuatl e o quechua son as linguas prehispánicas que, a través do castelán, forneceron máis palabras ás linguas europeas occidentais. No galego, por exemplo, introducimos americanismos como hamaca e caoba que coinciden graficamente co catalán e co castelán; noutros casos, adaptamos eses americanismos ao noso sistema fonético: furacán e enaguas.

    2. Palabra ou expresión que se introduciu nas linguas europeas faladas en América sobre todo cando trascenden á lingua culta local ou mesmo ao uso do país europeo orixinario.