Ames

Ames


Concello da comarca de Santiago, situado na provincia da Coruña no O da comunidade autónoma de Galicia (42° 51’ 47” N - 8° 38’ 35” O) . Limita ao N polo río Tambre e cos concellos de Val do Dubra, A Baña e Negreira, (comarca da Barcala), ao O co de Brión, ao S co de Teo e ao L co de Santiago de Compostela polo L. Abrangue unha superficie de 80 km 2 cunha poboación de 24.553 h (2007), distribuídos nas parroquias de Agrón, Ameixenda, Ames, Biduído, Bugallido, Covas, Lens, Ortoño, Piñeiro, Tapia e Trasmonte. A tcapital está no lugar de Bertamiráns, parroquia de Ortoño. Está adscrito ao partido xudicial de Negreira e á arquidiocese de Santiago de Compostela.
Xeografía física
O territorio do concello de Ames correspóndese co dominio climático oceánico hiper-húmido. Situado nun val, os rexistros térmicos vense matizados por este factor, que propicia uns invernos moi agradables. A temperatura media anual é de 12,4° (a media de xaneiro é de 6,8°C e a de xullo de 18,2°. A amplitude térmica extrema chega aos 22,5°. O número de días ao ano libres de xeada é de 199. A precipitación media anual é de 2.172 mm cunha distribución estacional que presenta unha acusada seca estival: 40 % de precipitación recollida no inverno, fronte ao 10 % do verán, quedando as estacións de transición en valores medios (24 % primavera e 25 % outono). O relevo articúlase en torno á Depresión Meridiana: deste xeito pódese establecer unha diferenciación entre a metade setentrional, ondulada, máis abrupta e irregular, con suaves desniveis, e a metade meridional, onde o terreo é máis suave. A rede fluvial deste concello estructúrase entre o Tambre, polo N, e o Sar, que atravesa a metade S, con pequenos emisarios como o Anduriña, o Espiño, Pasos ou Armeiro. Predominan as rochas graníticas da Era Primaria, aínda que tamén afloran xistos da mesma época contra o L; da Época Terciaria e Cuaternaria atópanse arxilas e areas no val do río Sar. No río Tambre descóbrense aluvións cuaternarios que se dispoñen en forma de terrazas fluviais. Tectonicamente, cómpre citar a Depresión Meridiana, bloque fundido dende a Era Terciaria que atravesa as terras do concello de N a S. Na Serra de Ameixenda destacan pequenas elevacións como o Espiño, con 424 m, ou o Pedrouzos, con 385 m. Contra o S, onde o terreo é máis suave, a máxima altitude son os 252 m da Pena Mosqueira. en canto ás características do solo e o seu aproveitamento, estamos ante unha terra fértil e de boa calidade, cos solos de maior capacidade.
Xeografía humana
A poboación do concello de Ames experimentou un crecemento poboacional continuo e moderado, cos seguintes puntos de inflexión: en 1900 hai un primeiro incremento da poboación, da orde do 7,8%, que se repite, máis acusado, en 1940, cun crecemento do 20,4 %; entre 1970 e 1981 hai un lixeiro retroceso da poboación (-7,3 %) que se incrementará notablemente a partir dese ano, cun crecemento do 44,9 %. Dende 1996 o crecemento acelerouse: entre 1996 e 2001 o crecemento foi do 41,34% e dende 2001 ata 2007 do 30,72%. O auxe recente explícase polo asentamento de novos habitantes nos diferentes núcleos de poboación fuxindo dos costos da vivenda na cidade de Santiago de Compostela. Deste xeito, o concello de Ames mostra un predominio da poboación adulta que supera a metade da poboación total (67,5%), a poboación menor de 20 anos representa o 22,7% da poboación mentres que os maiores de 65 son o 9,8%. Esto tradúcese nunha taxa de natalidade alta 14,4‰ e unha baixa taxa de mortalidade 5,3% (2006) polo que o crecemento natural é positivo 9,1‰. A distribución por sexos mostra unha lixeira superioridade das mulleres, 51,36%, fronte aos homes, 48,63%.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) de Ames é do 62,3% (73,6% a masculina e 52,1% a feminina); a taxa de ocupación é do 55% (66,8% a masculina e 44,2% a feminina); e a taxa de paro é do 11,8% (9,3% a masculina e 15,1% a feminina). A economía de Ames baséase en actividades eminentemente terciarias ou relacionadas dalgún xeito con servizos de todo tipo, tanto públicos como privados (75,1% dos ocupados). A industria ocupa ao 11,6% dos ocupados e a construción ao 10,7%. O sector primario é o menos representativo pois só ocupa au n2,3% dos activos na agricultura e un testimonial 0,3% na pesca. A agricultura mostra unha certa modernización no sentido da considerable reducción de parcelas por explotación, cunha tendencia tamén descendente no número de explotacións; sen embargo, estamos ante unha agricultura practicada a nivel familiar. Na gandaría o máis salientable é o descenso no último decenio das explotacións de bovino e porcino. A industria, concéntrase en torno a pequenos negocios familiares, pequenas empresas ou establecementos industriais con escaso número de traballadores, e apóiase na gran dinamicidade económica que caracteriza a área de influencia do concello de Santiago de Compostela. Son actividades industriais destacables a madeireira e mais a produción láctea na planta de Feiraco, asentada nunha finca situada nos términos de Ames e de Negreira. A urbanización do solo levou á creación dun polígono industrial, nas proximidades do Milladoiro, orientado ao establecemento de almacéns e industrias non contaminantes. A construción, unha das actividades máis prósperas por mor das promocións inmobiliarias periurbanas. O sector terciario está formado en gran medida por establecementos comerciais de alimentación que sosteñen a maior parte do emprego, seguidos de venda e almacenaxe de mobles e comercios especializados en venda polo miúdo; tamén engloba actividades relacionadas co téxtil, talleres, etc. Cómpre salientar, por último, que a demanda destes servizos procede dun grupo importante de poboación asentada no concello, sobre todo en Bertamiráns, Milladoiro e as urbanizacións espalladas polas proximidades das principais estradas, que traballan á súa vez, nos servizos administrativos e nas institucións radicadas en Santiago de Compostela. As estradas máis importantes do concello son a AC-450, a C-543 e, ao S do territorio, a N-550 e os accesos á AP-9.
Historia
O val de Amaía puido estar ocupado pola comunidade dos amaeos que, segundo documentos dos ss IX e X, era un territorio designado co nome de Amaea, Amahea ou Ameia. Este val estivo moi vinculado, dende a Baixa Idade Media, ás principais e máis influíntes liñaxes nobres. Polas terras deste concello transcorrían os últimos quilómetros do Camiño de Peregrinación a Fisterra. Tamén relacionado co Camiño cómpre mencionar a vila de Milladoiro, xa que segundo a etimoloxía nese lugar estaba o fito dende onde se divisaban por primeira vez as torres da catedral de Santiago polo Camiño Portugués de Peregrinación a Santiago; sen embargo, outras fontes suxiren que o topónimo procede da milla que marcaba o arciprestado de Xiro da Rocha. O lugar de Tarroeira (Ortoño) é un símbolo para a literatura galega: neste lugar criouse Rosalía de Castro nos primeiros anos da súa vida. Co establecemento dos primeiros concellos en 1812, no territorio do actual municipio constituíuse o concello de Biduído, con capital na parroquia homónima e adscrito ao partido xudicial de Santiago e á provincia única de Galicia. Trala supresión dos concellos en 1814, restableceuse o concello de Biduído en 1821 que pasou a integrarse na nova provincia da Coruña. En 1835 a capital pasou á parroquia de Ames, daquela o concello mudou o seu nome, manténdose dende entón integrado polas mesmas parroquias que na actualidade.
Patrimonio cultural
A arquitectura relixiosa está representada polas igrexas parroquias, entre elas, a de San Paio de Lens, barroca, San Lourenzo de Agrón e San Mamede de Piñeiro, ambas as dúas do s XVIII, e a neoclásica de San Tomé de Cruxeiras. No eido da arquitectura civil destacan oas pazos de Leborens en Trasmone e de Lens en San Paio. No camiño a Fisterra atópase a ponte Maceira que comunica Ames co veciño concello de Negreira. O patrimonio natural está composto polo sistema fluvial Ulla-Deza, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Celébranse numerosas festas parroquias como as de Santo Antonio en Trasmonde en xuño, da Virxe da Madalena en Milladoiro en agosto, as do Santisimo en Piñeiro en agosto ou as da Virxe do Rosario en Agrón en outubro.

Datos de poboación (2007)

Provincia A CORUÑA
Comarca Santiago
Extensión 80 Km2
Poboación Total 24553 h
Poboación Homes 11942 h
Poboación Mulleres 12611 h
Densidade de poboación 306.91 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias