Amigos da Cociña Galega
Agrupación de restaurantes pioneira en Galicia, fundada en 1982 da man do desaparecido periodista e gastrónomo Jorge Víctor Sueiro. Ten a vocación de difundir e promocionar as excelencias da cociña e dos viños galegos como recurso turístico, e de fomentar a profesionalización do sector, non só co seu labor nas cociñas e comedores dos seus respectivos restaurantes, senón tamén, a través da publicación de receitarios de cociña e de libros sobre a cociña galega, participando en charlas, conferencias, etc. Convoca anualmente o concurso de difusión gastronómica Álvaro Cunqueiro, en colaboración co concello de Lalín, e entrega os títulos Grandes Cociñeiras do País Galego a aquelas persoas que dende as tabernas sentaron as bases da actual restauración de prestixio, xunto ao premio de Grande Adegueiro do País Galego. Da mesma forman parte: José González Solla, do restaurante Casa Solla, en Poio, presidente de Amigos da Cociña Galega; Ramón Porto Vilas, dos restaurantes Casa Vilas e Anexo Vilas, en Santiago de Compostela; Jerónimo Riera Besada, do restaurante Cíes, en Canido (Vigo); Alberto García García, do restaurante Alberto, de Lugo; José Simón Pintos González, do Casa Simón, en Balea (Cangas do Morrazo); Manuel Cores Rodríguez, do restaurante Chocolate, en Vilaxoán; Santiago Martínez González, do restaurante San Miguel, en Ourense; José Rodríguez Prieto, do restaurante La Barra, en Lugo; Argentino Aguiar Boullosa, do restaurante Puesto Piloto Alcabre, en Vigo; e Cándido Iglesias Barciala, do restaurante Rías Altas, en Barcelona.