amnesia

amnesia

(< gr ἀμνησία ‘sen memoria’)

  1. s f [MED/PSIC]

    Incapacidade total ou parcial de lembrar ou de identificar experiencias pasadas. As chamadas amnesias sensorio-motoras identifícanse coas agnosias cando representan a perda da memoria sensorial ou coas apraxias cando supoñen a perda da memoria das condutas motoras. As chamadas amnesias sociais son disolucións da función social da memoria, con incapacidadade para formar novos recordos (amnesias de fixación ou retrógradas; por exemplo no alcoholismo crónico) ou perda das lembranzas fixadas (amnesias de evocación). As amnesias de evocación poden afectar as lembranzas do presente (lei de Ribot),  determinados períodos da vida (amnesia lacunar) ou determinados feitos, persoas, circunstancias, etc (amnesia selectiva).

  2. amnesia infantil [MED/PSIC]

    Amnesia lacunar referida aos feitos ocorridos durante os primeiros anos de vida. Freud interpretouna como o resultado dunha forte represión dirixida contra os impulsos sexuais do período edípico e de períodos anteriores.

  3. amnesia psicóxena [MED/PSIC]

    Amnesia a miúdo de orixe afectiva que adoita desaparecer tan subitamente como se manifestou. Trátase probablemente dun mecanismo de defensa contra a angustia.