Amoeiro
Municipio da comarca e da provincia de Ourense, situado no S da comunidade autónoma (42° 24’ 41” N - 7° 56’ 59” O). Limita ao N cos concellos de Coles e Vilamarín, ao O cos concellos de Cea, Maside e Punxín (comarca do Carballiño) e, ao S e L, co concello de Ourense. Abrangue unha superficie de 39,7 km 2 cunha poboación de 2.334 h (2007) distribuídos nas parroquias de Abruciños, Amoeiro, Bóveda de Amoeiro, Cornoces, Cortegada, Fontefría, Parada de Amoeiro, Rouzós e Trasalba. A capital está no lugar de Souto, na parroquia de Amoeiro. Situado a 18,0 km da capital provincial, e adscrito a diocese e ao partido xudicial de Ourense.
Xeografía física
O concello de Amoeiro sitúase nunha área de transición ao dominio climático oceánico-mediterráneo. Situado nun espazo de media montaña, os rexistros térmicos vense matizados por este factor e pola influencia climática do río Miño, resultando unhas temperaturas polo xeral suaves, cunha media anual de 11,1°C. A media de xaneiro é de 5,2°C e de xullo 18,2°C. A amplitude térmica extrema chega aos 25,7°. O número de días ao ano libres de risco de xeada é de 147. A precipitación anual media é de 1.424 mm cunha distribución estacional que mostra unha acusada seca estival: 38% de precipitación recollida en inverno, fronte ao 9% do verán, quedando as estacións de transición en valores medios (27% en primavera e 26% en outono). As Terras de Amoeiro forman parte da Depresión de Ourense sobre unha penechaira das bocarribeiras do río Miño, pola marxe dereita. Este feito caracteriza as Terras de Amoeiro como unha terra case plana e pouco ondulada. O relevo acentúase somente no rebordo S, nas parroquias de Parada (cos montes da Fenteira, Bouza, Rega e Viñas) e Trasalba (onde se erguen os montes do Rodeiro, con 474 m, os Cotos da Portela, do Castro e dos Campos). As Terras de Amoeiro están drenadas polo Barbantiño (afluente do Miño, pola dereita), que limita o concello polo N e o O, e o Formigueiro, que atravesa o concello do NL ao SO ata confluír co Barbantiño no Viñao (Punxín). Os materiais que configuran o relevo son fundamentalmente granitos e xistos nunha superficie de aplanamento que se levanta sobre o río Miño, as dúas fracturas tecnónicas do relevo configuran os vales dos ríos Barbantiño e Formigueiros. Os solos son de tipo B e C (57,7% da superficie), sendo característicos das zonas graníticas os de tipo B, profundos e cultivados de xeito intensivo, os de tipo C son característicos de zonas de xistosas e teñen pouca profundidade.
Xeografía humana
A poboación do concello de Amoeiro a penas perdeu poboación dende 1887 sen embargo, non foi como resultado dun proceso continuo de decrecemento. Entre 1887 e 1910 medrou un 2,6%, para retroceder no seguinte decenio; entre 1920 e 1940 volveu medrar (16,9%) acadando o máximo demográfico (4.720 h). Logo deste máximo a poboación retrocedeu ata 1996 (-51,4%). Este descenso de poboación débese á emigración con destino a América, unido a outras causas como a reducción da natalidade ademais da baixa fecundidade, que fai avellentar a poboación. Dende 1996 ata 2001 a perda de poboación foi mínima -0,3% para aumentar lixeiramente ata 2007 nun 1,56%. A taxa de natalidade (2006) sitúase no 14,4‰ e a de mortalidade nun 5,3‰ polo que o crecemento natural é positivo 9,1‰. A pirámide de idades do concello de Amoeiro reflicte unha poboación avellentada onde os maiores de 65 anos representan o 32,8% da poboación en tanto que os menores de 20 anos só o 10%, o grupo intermedio representa o 57,2% da poboación. A distribución por sexos mostra un equilibrio: 50,94% de mulleres e 49,05% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) (2001) de Amoeiro é do 38,5% (48% a masculina e 29,7% a feminina); a taxa de ocupación é do 34,3% (45,3% a masculina e 24% a feminina); e a taxa de paro é do 11% (5,7% a masculina e 19,2% a feminina). A maior porcentaxe de poboación activa rexístrase no sector servizos (56,8%), seguidos da construción (18,6%) e a industria (12,5%) e a agricultura (12,25). A maioría das explotacións agrícolas están moi orientadas cara á gandaría, onde destaca a cabana porcina (1.202 cabezas reprodutoras e 248 de cebo (2005) , e ao policultivo de horta. O viñedo é o elemento case exclusivo da paisaxe agraria. A industria a penas está representada no concello, xa que a poboación activa neste sector traballa na capital ourensá; a industria, asentada no propio concello, é forestal e emprega os recursos forestais da zona. Amoeiro comparte co concello de Vilamarín un parque empresarial. Do mesmo xeito que na industria, a elevada porcentaxe de obreiros da construción están empregados fóra do seu concello. O terciario é o propio dunha cabeceira municipal con algo de comercio e poucos servizos; a actividade comercial realízase principalmente nas feiras, deixando desabastecido o concello para aqueles productos que non sexan de primeira necesidade.
Historia
A presenza romana en Amoeiro demóstrase pola aparición dunha ara. Non existen vestixios arqueolóxicos que demostren a posiblidade de que o Camiño Real de Ourense a Pontevedra, que pasaba sobre a ponte de San Fiz, por riba do río Barbantiño, substituíse unha calzada romana anterior. Na Idade Media foi territorio de Castela, nome co que se coñecía a zona de Ribadavia por mor da multitude de castelos e construcións defensivas que se levantoron pola zona, e a varios señoríos, entre eles a Casa de Vilamarín e Oseira. A Idade Moderna foi unha época de apoxeo económico como o amosan os pazos conservados. Co establecemento dos primeiros concellos en 1812 creáronse no territorio do actual concello os municipios de Trasalba e Bóveda de Amoeiro, pertencentes en 1821, despois do período de volta ao Antigo Réxime, aos partidos do Carballiño e Ourense, respectivamente, e á provincia de Galicia. En 1836 naceu o concello de Amoeiro, integrado na nova provincia de Ourense, sen que se rexistraran dende aquela variacións na súa composición principal.
Patrimonio cultural
A arquitectura relixiosa está representada polas igrexas de San Pedro de Trasalba, de transición do románico ao gótico, San Martiño de Cornoces (s XIII), o mosteiro de San Paio de Bóveda e a capela prerrománica de Formigueiro, entre outras. Da época de esplendor da Idade Moderna destacan os pazos de Cornoces, Coto de Martín, San Damián en Fontefría e Parada. No pazo de Trasalba atópase a Casa-Museo de Otero Pedrayo. Celébranse, entre outras, as festas de Santo Antón en Parada en xuño, Santa Mariña en Fontefría en xullo, Nosa Señora do Carme en Loureiro en agosto, as patronais de Nosa Señora da Asunción en Amoeiro en agosto, e, no eido gastronómico, a Festa do Cerdo en Amoeiro no mes de maio. Ademais na Casa-Museo de Otero Pedrayo ten lugar unha romaría literaria coa entrega dun premio a un personaxe ou grupo que desenvolvan unha importante labor cultural.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Ourense |
| Extensión | 39 Km2 |
| Poboación Total | 2334 h |
| Poboación Homes | 1145 h |
| Poboación Mulleres | 1189 h |
| Densidade de poboación | 59.85 h/Km2 |