Amorín

Amorín

(

  1. Apelido de orixe toponímica (San Xoán de Amorín, concello de Tomiño). O topónimo procede do xenitivo dun nome de posesor latino Amorinus

  2. [HIST/HERÁLD]

    Liñaxe oriúnda do lugar tomiñés de Amorín. Unha rama pasou a Salvaterra de Miño e outra a Portugal onde emparentou coas casas principais do Reino. Na Batalla das Navas de Tolosa (1212) destacaron polo seu valor Diego, García e Xoán de Amorín. Este último acompañou o Rei Fernando III o Santo na conquista de Sevilla e recibiu de Afonso X o Sabio cuantiosas mercedes como galardón aos méritos contraídos co seu pai; seica se estableceu nesta cidade e foi o tronco de varias ramas que se espallaron por Andalucía e Castela. Lope Díaz de Amorín e Gonzalo Amorín foron descendentes dos conquistadores de Jaén e ocuparon altos cargos na Corte do Rei Sancho IV. García Gómez Amorín morreu loitando na Batalla de Aljubarrota (1385). As primitivas armas deste apelido levan, en campo de goles, cinco cabezas de mouro, con cadanseu turbante branco, face vermella e barbas de ouro, colocadas en aspa. Os de Salvaterra de Miño ostentan, en campo de goles, un castelo de prata coa porta candada cun ferrollo do que pendura unha cadea de ouro, á que está atada un lebreiro de prata; entre o can e o castelo, un rego de auga de azur e prata; na torre de homenaxe do castelo, un mozo asomado ás ameas botando tres pans de prata ao lado destro da escudo. Outras ramas levan, en campo de goles, tres castelos, dous de ouro e un de prata ben ordenados.