Anaia

Anaia
  1. [ONOM]

    Antropónimo procedente do vasco Anai(a) ‘irmán’, que na Idade Media chegou a significar ‘señor’. En Galicia deu o topónimo Casdenaia. Non hai ningún santo con este nome.

  2. [HIST/HERÁLD]

    Liñaxe oriúnda do couto de Anaia, en terras de Deza e do partido xudicial de Chantada. Procede probablemente dun cabaleiro alemán que viu a loitar na Reconquista. Como apelido xa aparece documentado no ano 830 nunha doazón feita por Afonso II o Casto á igrexa de Lugo. Outras apelidos relacionados con esta caste son Anae e Anaidez; tamén pode aparecer coa variante gráfica castelanizada Anaya. Espallouse a outras terras da Península como Madrid, Salamanca, Cuenca, Murcia, Málaga ou Jaén. Algúns do Grove asentáronse no Novo Reino de Granada. A esta caste pertenceron numerosas dignidades, cóengos e bispos; moitos cabaleiros ingresaron nas Ordes de Santiago, Calatrava ou San Xoán de Xerusalén. Os Anaia emparentaron cos Alvarez Maldonado por casamento de Catalina de Anaia con Rodrigo Alvarez Maldonado, xermolo dunha ilustre e abondosa descendencia que entroncou con outras familias nobres galegas coma os Figueroa. As súas armas primitivas levan, en campo de azur, cinco bandas de ouro. Outras traen, catro bandas de prata sobre campo de azur. Outra variante atribuída aos Anae representa, en campo de prata, unha moureira de sinople, arrimada de dúas veneras de ouro.

Palabras veciñas

Anahita | Anahuac, Mesa de | Anahuír | Anaia | Anaidez | Anaimudi | anainar