anarcosindicalismo
(
Doutrina que atribúe aos sindicatos un papel fundamental na reivindicación laboral obreira e na loita pola consecución da revolución social. A fusión do pensamento bakuninista e a acción societaria por medio dos sindicatos obreiros creou un primeiro movemento anarcosindicalista, especialmente forte na Península Ibérica. Pero foi coa CGT francesa (1895) cando deu un gran salto e perfilou as características esenciais da súa doutrina: apoliticismo, acción directa e folga xeral para conseguir a instauración dunha sociedade sen clases. O anarcosindicalismo tomou parte das ideas de Marx, no que se refire á loita de clases e á organización independiente do proletariado, pero rexeitaba a creación dun partido político obreiro; do anarquismo, recolleu a negación da acción parlamentaria; de Georges Sorel, a teoría da folga xeral e a negativa a considerar a folga xeral como unha simple abstención do traballo ou como manifestación de masas. Estes principios foron recollidos na carta de Amiens (1906), que influíu na creación da CNT, o expoñente máis importante do anarcosindicalismo. Esta opúxose encarnizadamente á socialista UXT (que consideraba reformista), ligada ao PSOE e á súa política parlamentaria. Segundo a CNT, o combate dos sindicatos obreiros para a consecución dunhas melloras laborais debía estimular a revolución social. O anarcosindicalismo tivo especial forza en Catalunya, na Comunitat Valenciana, Andalucía, Asturias (Gijón), Aragón (Zaragoza) e Galicia (Vigo). A CNT participou directamente na fundación da reconstituída AIT (1922-1923) xunto coa Unione Sindicale Italiana, a Federación Obrera Regional Argentina (FORA), a CGT de Portugal e algúns grupos sindicalistas de Francia e Alemaña. A sede da nova AIT, que coordinaba os grupos anarquistas a nivel mundial, estivo en Barcelona, París, Suecia e Madrid. Os principais grupos anarcosindicalistas actuais son: a SAC (Sveriges Arbetares Centralorganisation) en Suecia; o IWW (Industrial Workers of the World) con seccións no Canadá, Australia e nos Estados Unidos; a CNT francesa; e a CNT española. De todas as organizacións a que desenvolve máis actividade aínda é, malia o seu debilitamento, a CNT.