anarquismo
(
Doutrina político-social que preconiza a liberdade total da persoa humana, o pacto ou libre acordo deste cos seus semellantes e a desaparición do estado e da propiedade privada para crear unha sociedade na que non deben existir clases nin intereses privados. O seu ideal é unha sociedade sen goberno. Considéranse como precursores: a Campanella, autor da Cidade do Sol; Thomas More, de Utopía; Mably e outros. Non obstante , William Godwin (1756-1836), foi o primeiro pensador propiamente anarquista: na súa obra Investigacións sobre a xustiza política rexeitaba o estado e a propiedade privada, e propugnaba unha sociedade economicamente igualitaria. Pierre Joseph Proudhon e Mikhail Aleksandrovič Bakunin son os dous teóricos do anarquismo máis importantes do s XIX que atoparon nos escritos de Coeurderoy, Rousseau, La Boetie, Bellegarrigue e Dejacques, principios e críticas que ampliaron e profundizaron. Así mesmo, as bases científicas do anarquismo están definidas polo etólogo Piotr Kropotkin, o xeógrafo Eliseo Reclús, o economista Domela Nievehuis, o filósofo Rudolf Rocker e o historiador Max Nettlau. O bakuninismo esixe a colectivización da produción, condena o estado ao consideralo instrumento de opresión e rexeita o partido político obreiro. Non obstante , no anarquismo coexistiron diversas modalidades de tipo socializador: o mutualismo de Proudhon, o comunismo de Kropotkin e Malatesta ou o cooperativismo. A práctica militante anarquista nace como consecuencia da confrontación entre os partidarios do bakuninismo cos de Marx no seo da Primeira Internacional (1871), cando o anarquismo foi excluído da Asociación Internacional de Traballadores (AIT) e aqueles iniciaron unha andaina que os levaría a organizar formacións sindicais afastadas do modelo socialista e, posteriormente, comunista. A partir deste momento as organizacións obreiras de Europa e América que agrupaban a socialistas e anarquistas comezaron a escindirse en formacións separadas: en Francia a actividade anarquista foi moi intensa con posterioridade á Commune de París (1871); en Italia organizouse un movemento anarquista prestixioso e respectado no que destacaron Malatesta, Bovio, Cafiero ou Merlino como homes de acción anarquistas formados na loita social italiana; Suíza foi un dos centros de reunión clásicos do anarquismo europeo nos ss XIX e XX; refuxio de numerosos anarquistas rusos -entre eles Bakunin e Kropotkin- e lugar de actuación da potente organización obreira suíza, onde salientou Guillaume, que mantivo a Federación do Xura (AIT) dentro do anarquismo; en Rusia tamén callou o anarquismo nun contexto de protesta social contra o tsarismo, sen embargo, os seus máximos teóricos viviron longos anos no exilio; en América Latina onde maior influencia tivo o anarquismo foi na Arxentina, onde se creou a única organización obreira anarquista (Federación Obrera Regional de Argentina) iberoamericana definida como tal, aínda que tamén callou en México e no Perú. A polémica que provocou a escisión no seo da Primeira Internacional tamén afectou á Península Ibérica, onde se produciu unha división entre o núcleo internacionalista de Madrid (Nueva Federación Madrileña), que adoptaba o marxismo e foi o núcleo inicial do PSOE e da UXT, e o obreirismo catalán, que optaba polo anarcosindicalismo. En 1870 organizouse o I Congreso Obreiro Español, que constituíu o xermolo de todas as organizacións anarquistas españolas. Aínda que semella que o primeiro contacto dalgún reducido sector do pobo galego coas ideas anarquistas tivo lugar en 1854 co desembarco en Vigo e na Coruña de Coerderoy, que deixaría no libro Jours d’Exil (Días de exilio, 1855) constancia da súa andaina pola Península como comisionado do revolucionario ruso Herzen. Non foi ata 1871 cando agromou na Coruña, no Ferrol e Ourense a Asociación Internacional de Traballadores. Foi nesa época cando se fundou na Coruña a Federación Local Obreira (FLO), afiliada á Federación Rexional Española da AIT, composta por catro seccións: carpinteiros, canteiros, zapateiros e xastres. Non obstante, malia o pulo inicial, a influencia da Primeira Internacional en Galicia estancouse debido ao prestixio do Partido Federal nos medios proletarios e artesáns e á represión da insurrección dos operarios do Arsenal de Ferrol, na que se viron implicados en 1872 os internacionalistas. O movemento anarquista volveu á vida pública española en 1881, ao constituírse o goberno de Sagasta, coa fundación da Federación de Trabajadores de la Región Española (FTRE). A FTRE, nun principio de ortodoxia bakuninista, dividiuse en dúas correntes: a anarcocolectivista, seguidora de Bakunin, e o anarcocomunismo ou comunismo libertario -máis influído por Kropotkin e Malatesta-, que se opoñía á creación de sindicatos, aos que acusaba de burocráticos, e propugnaba a formación de grupos de afinidade ideolóxica, que se desentendesen da loita laboral para combater se fose preciso violentamente a sociedade burguesa; tamén preconizaba unha sociedade sen clases na que cada persoa produciría segundo a súa vontade e recibiría segundo as súas necesidades e na que os medios de produción e bens de consumo serían da comunidade. En Galicia estes foron anos de fixación da presenza anarquista como demostran os 914 afiliados galegos que acoden en 1882 ao II Congreso da Federación de Trabajadores de la Región Española: 636 pertencentes ás 8 seccións da FLO coruñesa, 270 das 4 seccións viguesas e 8 da organización de Lugo. Aínda que a implantación en Vigo, Pontevedra, Lugo e Ourense fracasa, malia o activismo de Ricardo Mella -daquela en tránsito do federalismo ao anarquismo-, na Coruña xa se pode falar dun obreirismo artellado de xeito autónomo que, influído polos libertarios, desenvolve unha conflitividade crecente e comeza a imprentar os seus primeiros periódicos. Animados pola folga na fábrica Mac Cormick de Chicago e pola difusión dos actos do anarquismo en Europa, en maio de 1890, os traballadores da construción coruñeses acadaron unha substancial rebaixa da xornada e contaxiaron da súa teima a outros gremios; sen embargo, a delongada folga que a FLO mantivo a prol das oito horas en 1891, rematou sen acadar o seu obxectivo. Tralo fracaso esmoreceu o movemento obreiro coruñés. En Europa, na derradeira década do s XIX, o anarcosindicalismo defendeu a propaganda dos feitos e os seus seguidores cometeron magnicidios e actos terroristas a partir do exemplo dos nihilistas rusos: bombas en París (a partir do 1893) asasinatos do Presidente francés S. Carnot (1894), da Emperatriz Isabel de Austria (1898), do Rei Humberto de Italia (1900) e do Presidente McKinley dos EE UU (1901). Acougada a vaga terrorista, o anarquismo evolucionou nun sentido anarcosindicalista; sen embargo, na maioría dos estados do mundo os seus militantes pasaron ao socialismo marxista, agás en España, onde se produciron atentados contra os esquirois, magnicidios (atentados contra Martínez Campos), accións da Mano Negra, ocupación de Jerez de la Frontera (1892) e terrorismo indiscriminado (bombas do Liceu e da rúa de Canvis Nous en Barcelona), entre os anos 1893 e 1896. Neste último ano o movemento obreiro padeceu unha represión indiscriminada como consecuencia do apresamento masivo de anarquistas no castelo do Montjuic de Barcelona e a execución de cinco dos presos. A crise na que caeu o obreirismo anarquista na etapa terrorista superouse coa divulgación do anarcosindicalismo da CGT de Francia por medio do periódico La Huelga General (1901). Daquela, o grupo Ni Dios ni Amo, editor do voceiro El Corsario, no que participaban o xastre Xosé Sanjurjo e o tipógrafo Marcial Lores, entre outros, iniciou unha xeira de axitación ideolóxica mediante a edición de folletos e a colaboración con elementos republicanos sinalados nos eidos da cultura, das liberdades cívicas e da defensa do laicismo na vida pública. Comezou aquí unha cooperación que, na Coruña, chegará ata a Guerra Civil e cristalizará na creación de diversas escolas laicas, así como no devir de dúas entidades emblemáticas da cidade: a Antorcha Galaica del Librepensamiento e o Centro de Estudios Sociales Germinal, ambas as dúas sociedades educativas na liña anarquista de educación para a liberación que culminaría en Catalunya coa fundación da Escuela Moderna de Ferrer i Guardia en 1901. Concluído o desencontro entre os ácratas coruñeses e o societarismo obreiro, a folga dos “consumeiros” vai desembocar, en maio de 1901, nunha sanguenta represión que se cobrará oito víctimas e dará lugar ao primeiro paro xeral da cidade, á proclamación do estado de guerra e á clausura dos centros obreiros durante un ano. Non obstante, a solidariedade provocada dentro e fóra de Galicia polos sucesos foi aproveitada para asentar a influencia libertaria en Santiago de Compostela, Ferrol, Betanzos, Vilagarcía de Arousa e Tui, así como para reafirmar un ideario favorable ao traballo sindical e social na legalidade e reticente co anarquismo individualista. O anarcosindicalismo coruñés rexorde potente e, á altura de 1904, a FLO superaba as 20 seccións e os 4.000 asociados. Se cadra por iso, ao ano seguinte, a Federación de Sociedades Obreras de la Región Española, acordou trasladar a súa sede á Coruña, integrando o comité militantes como Santiago Serrapio, Ricardo Cotelo ou Juan No. Logo, correndo 1908, vaise producir un feito singular: no paro xeral convocado a resultas do conflito das tecedeiras, participan coa folga agraria labregos dos arredores integrados na Unión Campesina, daquela alentada polos ácratas coruñeses. Ao cabo, no devalo da primeira década do s XX, a FLO herculina, moi na liña das experiencias da CGT francesa e da Solidaritat Obrera catalana, defenderá decote a necesidade de confederar o societarismo anarcosindicalista en todo o estado e, por conseguinte, participará activamente na constitución da Confederación Nacional del Trabajo (CNT). Nos anos 1910 e 1911 fundouse en Barcelona a Confederación Nacional del Trabajo, a máis importante das organizacións obreiras que se declararon anarquistas no mundo. Propugnaba a acción directa e a folga xeral como medio de conseguir a revolución social, e nos seus congresos do 1918 e 1919 adoptou a teoría do comunismo libertario. No congreso de Berlín (de decembro do 1922 a xaneiro do 1923) reconstruíuse a Asociación Internacional de Traballadores, que reinvindicou o nome de Primeira Internacional, aínda que tivo pouca forza. Cómpre salientar, así mesmo, os numerosos congresos internacionais que tiveron lugar entre 1907 (Amsterdam) e 1949 (París), que serviron para difundir mocións teóricas e prácticas de ampla difusión entre o movemento libertario -entre as que máis transcendencia tiveron merece ser citada a que Malatesta presentou no Congreso da Unión Anárquica Italiana en 1920-. O anarquismo estricto, contrario ao posibilismo da CNT, fundou no 1927 a Federación Anarquista Ibérica (FAI), na que militaron Diego Abad de Santillán, Aurelio Fernández, Buenaventura Durruti, Francisco Ascaso e García i Oliver, que defendían a táctica insurreccional á marxe dos partidos políticos de clase e dos sindicatos. O golpismo faísta (insurreccións de Cataluña en 1932-1933) creoulle graves dificultades ao goberno da República, e suscitou grandes diferencias no seo da CNT. Durante a Guerra Civil Española (1936-1939), se ben os anarquistas continuaron a declararse alleos ao sistema político burgués, formaron parte dos gobernos da República e da Generalitat de Catalunya, ao mesmo tempo que participaban no esforzo da guerra e emprendían unha tarefa de colectivizacións en Catalunya e Aragón, en gran parte freada despois dos feitos de maio do 1937. Despois da guerra o anarquismo pasou á clandestinidade ou ao exilio. O valor outorgado polo anarquismo á Revolución Española de 1937 motivou que o seu fracaso e a perda da Guerra Civil provocase unha fonda ferida ao anarquismo, que se veu agravada pola experiencia e do nazismo e o fascismo en Europa que destruíu calquera asociación obreira organizada. Non obstante , nos anos corenta e cincuenta do s XX o anarquismo ibérico agromou no exilio e xurdiron asociación novas nos EE UU, onde foi importantísima a influencia de Emma Goldman, en Francia e callou na China e no Xapón. A partir da década de 1960, en Europa o anarquismo entendeuse coma unha reacción contra a omnipotencia dos estados capitalistas desenvolvidos e coma unha alternativa ás limitacións do parlamentarismo burgués e da democracia popular. Este novo anarquismo nútrese de certas concepcións hegelianas (H. Marcuse) e mesmo marxistas, e difundiuse sobre todo nos ambientes xuvenís e intelectuais. Este novo anarquismo manifestouse, sen representar nunca a totalidade do movemento, con actitudes antiautoritarias (os situacionistas franceses de maio de 1968), antimilitaristas (manifestacións contra a Guerra do Vietnam), pacifistas, autoxestionarias, ecoloxistas, etc, nunha organización inestable e con límites pouco precisos; de feito, na sociedade norteamericana está a agromar unha variante do anarquismo, o anarcocapitalismo, que asume o individualismo e a negación do estado dentro da liberdade de mercado.