afrancesado -da
(
-
p reg
de afrancesar.
-
adx e s
Que ou quen adoptou ou imita con afectación os costumes franceses.
-
adx e s
Que ou quen é partidario do francés.
-
adx e s
[HIST]
Aplicado ás persoas que colaboraron co Rei Xosé I de España, irmán de Napoleón I posto por este no trono de España trala invasión da Península Ibérica polas súas tropas. En principio, incluía os persoeiros ascendidos polo Motín de Aranjuez (marzo de 1808) que, malia aconsellaren a Fernando VII que viaxara á Baiona francesa, acabaron recoñecendo a conveniencia dun cambio dinástico. O bando afrancesado non cristalizou ata despois da Batalla de Bailén (xullo de 1808), xa que algúns dos que concorreron á Asemblea de Baiona abandonaron a obediencia a Xosé I. Pola súa actitude e os seus compromisos, cómpre diferenciar varios grupos de afrancesados. Un estaría formado por aqueles que, como Azanza, O’Farril, Urquijo, Cabarrús, Llorente e Meléndez Valdés, se adheriron á causa e persistiron ata o final. Outro estaría formado por un grupo de escritores sevillanos (Arjona, Lista, Miñano), afiliados ao partido afrancesado en 1810. Os funcionarios que non tiveron azos para prescindir dos seus seguros ingresos farían o terceiro grupo. Rematada a Guerra da Independencia, moitos exiliáronse. Os constitucionalistas do Trienio Liberal amnistiáronos (1820) e o mesmo Fernando VII outorgaríalles cargos oficiais poucos anos despois, xa que os afrancesados representaban un segmento social intermedio entre o perseguido liberalismo e o absolutismo radical, que, chegado un momento, xa cara ao 1827, o propio rei tentaba paliar. A reacción á ocupación francesa é un bó indicador dos diferentes intereses económicos e políticos que conflúen nos últimos tempos do Antigo Réxime e do Reino de Galicia. Aínda que se conceptualizan como afrancesados a todos cantos grupos colaboraron coas tropas francesas de ocupación e que se identificaban co proxecto político da monarquía ilustrada de Xosé I, sería máis rigoroso para o caso galego restrinxilos aos liberais que apoiaron a monarquía bonapartista; na actualidade téndese a defender a súa condición de patriotas que, mergullados no seu contexto histórico, optaron por un modelo político moderno pero autoritario, non radical aínda que si renovador das estruturas socioeconómicas e políticas, semellando cando menos que niso fundamentaban as súas pretensións. Enfrontados á nobreza e clero, defensores do statu quo personificado por Fernando VII, causa para a que acadan a adhesión das masas campesiñas ignorantes do carácter revolucionario do proceso histórico que estaba a ter lugar, os clubs de afrancesados tentan a sensibilización das clases populares mediante escritos que difundan as ideas ilustradas, ben que con a penas repercusión ningunha. A amplitude do partido dos afrancesados é moi difícil de determinar por non se atreveren a manifestar ás claras a súa ideoloxía no nada propicio ambiente xeneralizado de resistencia ao francés. Tampouco resulta tarefa doada establecer o grao de adhesión e o seu carácter voluntario ou forzado: as autoridades francesas impuxeron a aceptación de moitos cargos públicos, ademais da esixencia de prestar fidelidade a Xosé I que se lle fixo a todos os membros das institucións públicas. Durante os sete meses nos que Galicia non foi ocupada polas tropas francesas, os afrancesados galegos foron perseguidos con forza, destituídos dos seus cargos, detidos ou desterrados. Mentres durou a ocupación de Galicia comprometéronse politicamente, colaborando eficazmente coa administración francesa. A actuación política dos afrancesados galegos apenas abrangue medio ano, limitándose basicamente ao sustento da orde pública: non tiveron tempo de expresar a súa ideoloxía nun corpus escrito de importancia, menos aínda de difundilo ou artellar un proxecto político coordinado, argumentando logo da ocupación que toda a súa actuación pública se orientará a evitar males maiores á poboación. Galicia non coñeceu as presumibles vantaxes dun goberno estable segundo o modelo político dos afrancesados, xa que durante o período de ocupación só se estableceu o sistema administrativo de guerra imposto polos franceses. A maioría dos afrancesados pertencían á clase media, tiñan unha boa formación intelectual, exercían profesións liberais ou cargos na administración, desvencellados da alta burguesía, nobreza e clero. O obxectivo político dos afrancesados estaba nun cambio progresivo e dende arriba da sociedade estamental galega do Antigo Réxime, o que xa non interesaba á burguesía, perseguidora dun cambio autenticamente revolucionario dirixido por ela mesma en tanto que clase social, axudada polas clases máis desfavorecidas do Antigo Réxime. É por isto que os afrancesados non acadaron tampouco lugar propio nas loitas políticas que sucederon á Guerra da Independencia. En Galicia, o principal núcleo de afrancesados situouse en Santiago de Compostela, sobre todo ao redor da Universidade, con figuras destacadas como Xosé Lucas Labrada, Pedro Pablo Bazán de Mendoza ou Manuel Sánchez Boedo e Fraguio. A retirada dos exércitos franceses significou para os afrancesados o cárcere ou o desterro, coa perda dos seus bens e a infamia na memoria colectiva: a historia dos afrancesados galegos foi acalada pola historiografía tradicional, exaltadora dos valores patrióticos da loita pola independencia e negada para os proxectos afrancesados.