Agolada
Concello da comarca do Deza situado na provincia de Pontevedra no centro da comunidade autónoma (42° 45’ 54’’N - 8° 00’ 02’’ O). Limita ao N cos concellos de Santiso e Palas de Rei, ao L co concello de Antas de Ulla, ao S cos de Rodeiro e Lalín, e ao O co de Vila de Cruces. Abrangue unha superficie de 147,8 km 2 cunha poboación de 3.216 h (2007), distribuídos nas parroquias de Agra, Artoño, A Baíña, Basadre, Berredo, Borraxeiros, Brántega, Brocos, Carmoega, Eidián, Esperante, Ferreiroa, Gurgueiro, Merlín, Órrea, Ramil, San Paio de Bais, Santa Comba, Sesto, O Sexo, As Trabancas, Val de Sangorza, Ventosa e Vilariño. Situado a 67 km de Santiago de Compostela e a 100 km de Pontevedra, a capital atópase no lugar de Agolada, na parroquia de Ferreiroa. Está adscrito ao partido xudicial de Lalín e á diocese de Lugo.
Xeografía física
O termo municipal de Agolada sitúase nunha área de transición ao dominio climático oceánico de montaña. Situado nun espazo de media montaña, os rexistros térmicos vense matizados por este factor, ao resultar un prolongado período frío de novembro a marzo. A temperatura media anual é de 12,9°C. A media de xaneiro é de 6,4°C, e a de xullo de 18,0°C. A amplitude térmica extrema chega aos s 21,7° C. O número de días ao ano libres de risco de xeada é de 137. A precipitación anual media e de 1.290 mm cunha distribución estacional que amosa unha acusada seca estival: 38% de precipitación recollida no inverno, fronte ao 9% do verán, quedando as estacións de transición en valores medios (26% primavera e 27% outono). O relevo artéllase baseándose en tres elementos principais: a Serra do Farelo, ao N, no límite co municipio de Antas de Ulla, a cunca do Ulla-Arnego, e a superficie de erosión. As unidades morfolóxicas son resultado da fracturación no período Terciario das estruturas pregadas no episodio herciniano sobre materiais básicos e ultrabásicos e as intrusións de rochas ígneas (granitos) propias deste pregamento. Todos os elementos do relevo están axeitados a unha distribución tectónica xeral con dirección SL-NO. A Serra do Farelo esténdese nesta dirección cunha cota máxima no monte Farelo (956 m de alt) na parroquia de Ventosa. Outras cotas do territorio municipal témolas no Farelo Pequeno (806 m) na parroquia das Trabancas, na Pena Picota (732 m) e na Fontela Seca (724 m) en Borraxeiros, Penamaior (664 m) en Orrea e no Castro Marcelín (663 m) na parroquia de Merlín. A superficie de erosión, (correspóndese coa chamada superficie fundamental de Galicia), sitúase á 500-600 m de altitude. O interfluvio Ulla-Arnego, ata a súa captura no encoro de Portodemouros, na parroquia de Brocos, constitúe os lindes setentrional e occidental do concello; estes dous ríos artellan a súa rede fluvial.
Xeografía humana
A poboación do concello de Agolada experimentou ao longo dos últimos dous séculos unha evolución inserida nas pautas que definen o modelo do interior galego: incremento moderado ata a cata censal de 1950 para principiar un descenso acusado e mesmo traumático na década de 1960.. Así, a poboación dende 1887 medrou ata 1950. A emigración masiva con destino a Europa Central e ás áreas máis desenvolvidas do país (as cidades de Vigo, A Coruña e, en menor medida e debido á súa relativa proximidade e tradicional vencellamento, Lugo), e do resto do Estado (principalmente, Bilbao), produciu un forte declive no continxente humano do concello, que decreceu a un ritmo anual que chegou ao 2,25% no período 1960-1970. O descenso mantense a un ritmo máis moderado ata o período 1981-1996, que se saldou cun leve incremento. Non obstante dende esa data o descenso foi dun 21% no período 1996-2001, descenso que continuou no período 2001-2007, 17,1%. Esta continua perda de poboación reflictese nunha taxa de natalidade baixa, 3,5‰ e unha alta taxa de mortalidade, 14,8‰, o que reflicte un crecemento natural negativo do -11,3‰. O resultado desta evolución é unha poboación avellentada, onde os menores de 20 anos representan o 11,1% da poboación, fronte aos de 65 e máis, que son o 35,1%, o grupo maioritario é o de 20 a 64 anos que abrangue o 53,8% da poboación. A distribución por sexos amosa un leve desequilibrio a prol das mulleres, que constitúen o 51% da poboación.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Agolada é do 40,8% (49,5% a masculina e 32,6% a feminina); a taxa de ocupación é do 36,6% (45,7% a masculina e 28,1% a feminina) e a taxa de paro é do 10,2% (7,7% a masculina e 13,8% a feminina). A economía do concello de Agolada é de base eminentemente agropecuaria. O 47,8% da poboación ocupada emprégase no sector primario. A orientación gandeira das explotacións, cunha cabana bovina constituída por 6.016 cabezas en 2007, tradúcese nun incremento paralelo da superficie dedicada a pastos. O gando vacún (3.652 cabezas en 2007), substituído coma forza de traballo, experimenta unha especialización láctea e cárnica. A súa alimentación continúa baseándose no pasto a dente, en réxime de semiliberdade, malia a introducción da estabulación permanente nalgunhas explotacións. O fato porcino medrou o 131,62% no período 1981-1991, situándose en 8.292 individuos, (682 delas reprodutoras),sen embargo no periódo 1991-2005 decreceu nun 19,23%, situándose en 6.697 cabezas (992 delas reprodutoras). A progresiva adopción de estruturas empresariais na xestión da agricultura, levou a superar, (aínda que sen desterralo), o sistema tradicional destinado ao autoconsumo, baseado no cultivo do millo, hortalizas, centeo e vide. Deste xeito, co obxectivo de mellorar a inserción no mercado abordouse a comercialización a grande escala de productos tradicionais como as noces e as castañas, e aumentou a produción de trigo e patacas. Tamén se introduciron experiencias de floricultura, e cobra importancia a explotación forestal, non como ocupación principal, senón como estratexia de complemento das rendas familiares, propiciada polo cambio a especies de alta rendibilidade económica, nomeadamente piñeiros. As actividades pesqueiras son unha actividade residual, (0,3% da poboación activa). Froito do carácter primario da súa economía, a industria municipal dedícase á elaboración de produtos agropecuarios.Representa o 26% da poboación. En 1991 inaugurouse un parque industrial de titularidade municipal inaugurado. A construción ocupa ao 18% dos traballadores censados en Agolada, mentres que no sector terciario traballan o 7,9% dos ocupados. A principal vía de comunicación é a estrada N-640 (que a une con Lugo e Lalín. A PO-840 atravesa o norte do concello.
Historia
A antigüidade do poboamento de Agolada remóntase á cultura megalítica, (3000-1800 a C) con multitude de mámoas espalladas polo territorio do concello: Monte Luxilde en Artoño, o Campo da Mámoa en Brántega, o Monte das Mámoas e o Pico Longo en Borraxeiros, Amanca en Eidián, Coitemil e Bidueiros en Ferreiroá, Monte Turubelo en Gurgueiro, Cimadevila en Orrea, As Mámoas en Seixo, Lamas, Monte Laxido, Castro de Val, e Agro da Gandarela en Trabancas e o de Axiaz en Ventosa. O Tesouro de Agolada, atopado en 1920 no Campo dos Xastres en Ferreiroá e datado na Idade do Bronce Inicial, está composto dun colar e dúas pulseiras de ouro macizo. De época castrexa fica a evidencia dun poboamento intenso, mercé á existencia de numerosos castros no territorio municipal. De época romana foron achadas dúas estelas en Ferreiroá e un sartego en Merlín. Na Alta Idade Media, no s VI, no seo da diocese lucense constitúese o condado do Deza, incluíndo baixo a súa xurisdición territorio do actual concello. No s X a parroquia de Ventoso pasa por doazón rexia á igrexa compostelá, manténdose ata o XIV en poder dos condes do Deza. En 1366 estas terras foron escenario da rebeldía dos Churruchaos, (o conde Andrés Sánchez de Gres) contra o Arcebispo Suero Gómez de Toledo. Despois deste episodio o Deza pasou aos condes de Lemos. Posteriormente, no s XV, foi esta terra campo de batalla nas revoltas irmandiñas. No Antigo Réxime, o actual territorio municipal repartíase nas xurisdicións de Abeancos, Boente, Borraxeiros, Camanzo, Carmoega, Ventosa e o couto redondo de Sesto, pertencentes á provincia de Santiago, e as de Toques e Basadre, pertencentes á provincia de Lugo. Ao establecerse o réxime constitucional en 1813, no actual municipio constituíronse o de Basadre e o de Ventosa e Borraxeiros, pertencentes ao partido de Melide e á provincia única de Galicia. En 1822, coa división en catro provincias do territorio galego, os dous concellos pasaron á provincia de Vigo e ao partido xudicial de Lalín. En decembro de 1835 na parroquia de Eidián librouse unha batalla entre as tropas gubernamentais e as carlistas. En 1836 fúndense os dous municipios no de Agolada, incluído xa na provincia de Pontevedra. Esta nova planta foi obxecto de alegacións, pois interesaba a algunhas parroquias (Basadre, Eidián e Ramil) a súa segregación e anexión a Palas de Rei e a outras a integración no partido de Melide.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan os gravados rupestres de Pena da Carballeira, Campo do Xastre e Ayan Picurela, declarados BIC en 1974. Entre as mostras da arquitectura relixiosa destacan a igrexa de San Martiño de Ramil, de orixe prerrománica, es as románicas de Santa María de Barredo, San Pedro de Ferreiroa, Santo André de Órrea e San Xulián de Ventosa, a barroca de Santa María de Vilariño e a neoclásica de Santa Comba. No eido da arquitectura civil a construción máis relevante e o pazo de Salgado, coñecido como pazo de Borraxeiros e que conserva elementos da fortaleza destruída polos irmandiños no s XV. Destacan tamén o pazo de Eidián, a casa dos Outeiros en Ferreiroa, a casa Grande de Cristín, a casa de Cabanelas, en Borraxeiros, a casa de Castro en Baiña e a casa de Ferraduras en Outeiro de Ramil. Consérvase parte do recinto antigo recinto feiral, Os Pendellos. O patrimonio natural está composto polo espazo natural dos sobreirais do Arnego, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Ademais das festas parroquias, celébranse no mes de agosto a Mostra de Artesanía e a Romaría Medieval.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | PONTEVEDRA |
|---|---|
| Comarca | Deza |
| Extensión | 147 Km2 |
| Poboación Total | 3216 h |
| Poboación Homes | 1573 h |
| Poboación Mulleres | 1643 h |
| Densidade de poboación | 21.88 h/Km2 |