Amandi
Área produtora do viño do mesmo nome, integrada polas parroquias de Doade, Amandi, Lobios, Pinol e Santiorxo, no concello de Sober, hoxe incluída na Denominación de Orixe Ribeira Sacra, cunha superficie de cultivo de 400 hectáreas e cunha produción de 350.000 litros, dos que o 70% son de tinto, e o 30% de branco. O cultivo da vide na Ribeira Sacra foi introducido polos romanos, a principios do s I d C, ao decatáranse da excepcionalidade da localización xeográfica para a produción de viño, na solaina dos canóns do Sil. Para a plantación do viño o traballo foi enorme polo forte desnivel da ribeira, que fixo precisa a gradación dos bancais de pedra para evitar os arrastres e a erosión da pequena capa de solo que tiñan para acadar o encaixamento das cepas cuns mínimos de profundidade. Nesta magna obra, que aínda perdura tras case dous mil anos de historia, traballaron 5.000 escravos trasladados para a mesma dende os complexos mineiros das Médulas e Montefurado. Na Idade Media, viuse incrementado o cultivo do viño a grande escala coa chegada á Ribeira Sacra das ordes relixiosas, que construíron importantes mosteiros, como o de Santo Estevo de Ribas de Sil, o de San Vicente de Pombeiro, o de San Bieito, o de Santo Adrián e o de Santa Cristina do Sil. Estes relixiosos trouxeron consigo novos métodos de cultivo e novas variedades de vide orixinarias do Ródano, Aviñón, etc. Os viños de Amandi foron os preferidos polos Césares: cada ano este viño enviábase á Roma Imperial en ánforas de barro que fabricaban os cacharreiros de Gundivós. Todo o procedemento para a obtención do viño de Amandi era artesán, ata non hai moitos anos, pois a situación na que se atopaban os viñedos (nalgúns casos os viñateiros tiñan que camiñar ata dúas horas pola Ribeira Sacra para chegar ás adegas) dificultaba que a plantación e as cavas puidesen levarse a cabo con maquinaria, o que condicionaba, ata certo punto a produción; sen embargo, este feito contribuíu a manter o enxebrismo do viño, feito coas variedades usuais da comarca: Mencía e Alicante, para a elaboración do viño tinto, e Xerez, para o branco. O feito de que as cepas estean plantadas na solaina do río Sil fai que o viño posúa unhas características propias: unha graduación alcohólica que oscila entre os 10 e os 13 graos, e unha acidez de 5 a 6 de media; un viño que se distingue polo seu padal e bo gusto, así como pola frescura e suavidade, aínda que o tinto é un pouco máis áspero ca o branco. Na actualidade xa se introduciu moderna tecnoloxía tanto no cultivo como na elaboración do viño.