Andrés de Teixido, santo

Andrés de Teixido, santo

É o propio apóstolo de Cristo. A lenda que o vencella a Galicia di que chegou ao lugar de Teixido por mar e, en desembarcando, a barca quedou petrificada e converteuse no penedo mariño coñecido co nome de Barca de san Andrés. Outro relato conta que unha vez Xesús, na compaña de san Pedro, atopou neste cabo do mundo a santo Andrés cheo de morriña por ser patrón dun sitio tan afastado que ninguén ía visitar. Xesús, compadecido, prometeulle unha romaría que só deixaría de existir cando o mundo acabase e á que acudirían todos, mesmo os mortos, xa que quen fose a ela sete veces acadaría a salvación eterna. O seu santuario (A Régoa, Cedeira), nun escarpado acantilado da serra da Capelada -ó igual co Purgatorio de san Patricio en Station Island do Lough Derg (Irlanda)-, é cita obrigada de peregrinaxe para todo bo fillo do país, pois como di a tradición: “A San Andrés de Teixido vai de morto o que non foi de vivo”; caso semellante ao de santa Ana na Bretaña e san Patricio en Irlanda. Uns defuntos fan a peregrinación no corpo dun animal, de aí que se respecten os animais que van polo seu camiño (lagartos, cobras, sapos, paxaros, etc), pois poderían ser as almas dos defuntos que en vida non cumpriron e a tradición asegura que, se o animal camiña cara ao N, é sinal de que esa alma vai á redención; outros defuntos, sen embargo, reciben a axuda dun vivo. De feito, a miúdo, os autobuses que chegan a Teixido traen varios asentos baleiros, pois moitos devotos reservan estes lugares para a alma dalgún devanceiro; outros fan ofrendas de ataúdes, etc. Por todo isto, santo Andrés de Teixido é, ante todo, un santuario de morte pero tamén de saúde (“San Andrés, unha pedriña [bótaselle ao tellado] para o ano que vén voltar sanciña”) e de amor: mozos e mozas acoden a el para encontrar con quen casar e, alí mesmo, buscan a herba de namorar. A peregrinación a Teixido tiña en tempos un rigor penitencial, e moita xente ía a pé, baixaba a costa de xeonllos ou pasaba tres días sen comer e sen durmir. Todo isto evoca o Purgatorio de san Patricio en Irlanda no que, dende o século XII, os cristiáns irlandeses teñen a oportunidade de substituír con penitencia voluntaria en vida a posterior penitencia forzosa despois da morte, se ben todo modificado polo escepticismo e a ironía que matiza todo en Galicia, mesmo as máis íntimas devocións. Outro elemento que evoca os cultos de Bretaña e de Irlanda é, por exemplo, a chegada por vía marítima de santo Andrés (nunha embarcación logo petrificada) que lembra a de moitos santos que acoden a Irlanda en enigmáticas barcas de pedra.