anélido -da

anélido -da

(< Annelidan)

  1. adx [ANIMAL]

    Que pertence ao filo dos anélidos.

  2. s m [ANIMAL]

    Invertebrado do filo dos anélidos.

  3. s m pl [ANIMAL]

    Filo de animais que comprende unhas 15.000 especies agrupadas nas clases dos oligoquetos (miñocas), dos poliquetos (bichocas, buxacas e xorras) e dos hirudíneos (sambesugas). Son animais segmentados, de simetría bilateral, triploblásticos, celomados e protóstomos, de forma cilíndrica ou aplanada dorsiventralmente. Carecen de apéndices articulados e divídense en metámeros. Cada metámero consta dunha capa epidérmica que segrega unha cutícula quitinoide que recobre o corpo e dunha capa muscular que os axuda a desprazarse por contraccións peristálticas do corpo. Presentan, en xeral, tres rexións corporais máis ou menos diferenciadas segundo os grupos: unha rexión cefálica ou prostomio, unha rexión media ou metasoma e unha rexión posterior ou pixidio. Algúns grupos presentan no prostomio apéndices sensoriais (palpos, antenas, tentáculos, ollos e órganos quimioreceptores). No metasoma, algúns teñen apéndices metaméricos non articulados ou parápodos que axudan á locomoción. Son animais hiponeuros cunha cadea nerviosa ventral respecto ao tubo dixestivo que normalmente comprende un par de ganglios en cada segmento do corpo. O seu sistema circulatorio é pechado e independente do celoma. O tubo dixestivo é recto e cun ano terminal. A súa respiración é cutánea, intestinal ou branquial. As células sexuais están situadas na parede celómica. Nos anélidos dáse a reprodución asexual (por fisiparidade) e a sexual. Os individuos poden ser unisexuais (clase dos poliquetos) ou hermafroditas, xeralmente proterándricos (clases dos oligoquetos e dos hirudíneos). O desenvolvemento do individuo pode ser directo ou ben pode pasar por unha fase larvaria denominada trocófora, propia das especies mariñas. Habitan no mar, na terra ou na auga doce. O seu tipo de alimentación é variable: poden ser carnívoros, micrófagos (a maior parte dos mariños), fitófagos e hematófagos sutores (os parasitos).

Palabras veciñas

anelasticidade | aneléctrico -ca | aneleiro -ra | anélido -da | Anelli, Luigi | anello -lla | Anelo