Angkor

Angkor

Antiga cidade de Camboxa, na provincia de Siĕmréab, ao N do lago Tônlé Sab. Fundada a comezos do s IX por Jayavarman II, foi a capital do reino khmēr ata a conquista dos thais en 1431. Angkor, invadida pola xungla e esquecida, non foi redescuberta ata o s XIX. Conserva restos dos edificios máis importantes da época khmēr, entre eles, o templo de Angkor-Vat. Edificado polo monarca Sūryavarman II (1112-1152), estaba dedicado a Devarāja, pero foi convertido no mausoleo do Rei. O templo está rodeado de murallas e ornamentado cunha gran cantidade de obra esculpida. Tamén destaca o conxunto de Angkor Thom, especialmente o seu templo budista central de Bayon, construído por Jayavarmar VII.