antibiótico -ca

antibiótico -ca

(

  1. adx

    Relativo ou pertencente aos antibióticos.

  2. s m [MICROB]

    Substancia química producida por microorganismos como resultado dunha biosíntese específica, capaz de inhibir o crecemento doutros microorganismos ou de eliminalos, a baixas concentracións. Nun sentido máis amplo, considéranse tamén as substancias químicas obtidas sinteticamente ao modificar a estrutura dun antibiótico, e que posúen igualmente efectos antimicrobianos. Os antibióticos soen estar sintetizados e liberados como forma de antibiose por fungos, actinomicetos e bacilos esporuladores. A toxicidade dos antibióticos pode oscilar entre valores moi elevados e valores ínfimos. Os de baixa e media toxicidade pódense empregar na terapéutica de moitas doenzas causadas por microorganismos (bacterias sobre todo). Moitas enfermidades das plantas xa se combaten con antibióticos, e algunhas industrias alimentarias tamén os usan para preservar os alimentos; pero neste último caso cómpre asegurarse de que a derrareira preparación do alimento (cocción, etc) inactivará o antibiótico para evitar destrución da flora intestinal, alerxias e a aparición de cepas de bacterias resistentes. Pódese falar de antibióticos de acción bacteriostática cando só inhiben o crecemento dos microorganismos, ou de acción bactericida, se chegan a destruílos; pero en realidade que teñan un tipo de acción ou outra depende a miúdo da dose e non do tipo de antibiótico. Segundo a eficacia do antibiótico fronte aos diversos microorganismos, pódeselle atribuír un espectro de acción máis ou menos amplo, que se pode determinar coa realización de antibiogramas. Pasteur xa intuiu a posibilidade da existencia dos antibióticos, e ata as súas posibilidades terapéuticas, ao constatar situacións de antagonismo en distintos medios de cultivo. Emmerich e Low, no 1901, descubriron a acción antibiótica da piocianina, substancia de cor azul illada anos atrás de cultivos de Pseudomonas aeruginosa; que se convertiu no primeiro antibiótico coñecido. Pero a súa acción resultou moi tóxica para os organismos pluricelulares, polo que non puido ser empregada con fins terapéuticos. No 1924, Fleming descubriu a penicilina nun cultivo de Penicillium notatum e suxeriu as súas posibilidades terapéuticas. Posteriormente, no 1940, foi illada e valorada grazas aos traballos de Florey e Chain e ás investigacións de Dubos e os seus colaboradores. No 1944, Waksman e o seu equipo deron a coñecer a estreptomicina, illada dun cultivo de Streptomyces griseus. Posteriormente, racionalizáronse os cultivos de organismos produtores de antibióticos, descubríronse novas especies e cepas de produtividade máis elevada, e incluso se chegou a modificar a estrutura molecular dalgúns antibióticos para facelos máis eficaces ou simplemente activos diante de cepas que, por mutación, volvéronse resistentes. Actualmente, a maioría dos antibióticos son produto de síntese. O concepto de antibioterapia, ou terapia antiinfecciosa, recolle as características e os problemas que comporta o tratamento dos estados infecciosos.