anticapitalismo

anticapitalismo

(

s m [POLÍT/ECON]

Doutrina ou actitude activamente oposta ao sistema capitalista. O conxunto de doutrinas anticapitalistas vén propoñendo unha substitución do sistema capitalista por alternativas colectivas de aproveitamento dos recursos que impidan a existencia da propiedade privada dos medios de produción e rematen coa división social do traballo coa finalidade de acadar unha sociedade sen clases. As de maior trascendencia histórica teñen sido o anarquismo, o socialismo científico e o comunismo. Tamén poden ser consideradas anticapitalistas determinadas tendencias do socialismo antes do seu decantamento cara a posicións socialdemócratas e as solucións escapistas promovidas por Fourier e outros socialistas utópicos do s XIX. A elaboración da crítica anticapitalista foi paralela ao desenvolvemento do capitalismo industrial dende o s XIX, sendo unha das máis elaboradas e coherentes a que realizou Marx na súa obra Das Kapital (O capital, 1867). As experiencias que tentaron implantar unha nova orde alternativa principiaron coa Comuna de París (1871). No s XX foron varios os intentos revolucionarios de instaurar un novo modelo social, entre os que cómpre salientar os consellos de obreiros establecidos nas fábricas de Turín baixo a dirección de Gramsci e Togliatti; a Revolución Espartaquista en Alemaña, liderada por Luxemburg e Liebcknet; e a Revolución Rusa, dirixida polos bolxeviques. Non obstante , logo deste período de entreguerras no que se probaron diversas alternativas, o modelo marxista-leninista impúxose en Europa oriental, Asia, África e América no que constituiu unha exportación do modelo de socialismo real nun único país. En España, a Revolución de Outubro (1934) foi un intento de instaurar un modelo económico e social anticapitalista en Asturias; tamén durante a Guerra Civil (1937), nas áreas dominadas polas milicias anarquistas (fundamentalmente de Catalunya e Aragón) desenvolvéronse experiencias colectivizadoras segundo o modelo do comunismo libertario. De especial interese foi a vía maoísta de superación do capitalismo nun país periférico e maioritariamente rural, China, que serviu de modelo para outras revolucións en países colonizados ou do chamado Terceiro Mundo. Tamén cómpre salientar o modelo cooperativista e autoxestionario, establecido na Iugoslavia de Tito, ou o modelo situacionista, poposto durante o Maio do 68 (1968) nas fábricas e facultades de París.