anticiclón
(
Núcleo de altas presións rodeado por un sistema de isobaras pechadas dun radio de entre 350 e 2.000 km. O aire descende paseniño e, na superficie, o vento segue a dirección das isobaras, de xeito que polo efecto de Coriolis, ten o sentido do movemento das agullas do reloxo no hemisferio norte e o sentido contrario ás agullas do reloxo no hemisferio sur. A presión na parte central do anticiclón adoita variar entre 1.020 e 1.030 milibares ao nivel do mar, pero en certos casos (como a radiación nocturna invernal nas rexións polares) pode chegar a 1.050-1.080 milibares. Nos océanos, onde a fricción é nula, o vento segue exactamente as isobaras: isto explica a estabilidade de anticiclóns como o dos Açores. Un anticiclón pode ser provocado ben por unha anomalía térmica negativa prolongada (anticiclón térmico), como por exemplo, o que se forma no inverno sobre Siberia, ben como resultado de mecanismos xeneralizados de descenso (anticiclón dinámico), como ocorre nos trópicos, ou ben por unha combinación de ambos fenómenos. Nos anticiclóns polares distínguense os cálidos e os mixtos. Un anticiclón polar está constituído por unha masa de aire frío de baixa tropopausa (6-8 km) e de baixa estratosfera relativamente cálida. Adoitan ter unha orixe térmica como resultado dunha intensa radiación a través da superficie, de xeito que o aire, cando está en contacto con ela, arrefríase e provoca un descenso vertical acompañado dunha aspiración cara arriba ao redor do núcleo. Os anticiclóns cálidos teñen unha tropopausa notablemente alta, coa troposfera cálida pero baixa estratosfera relativamente fría e alta. Están orixinados por fenómenos máis complexos ca os polares, sobre todo pola existencia da forza de Coriolis, que, no verán, por mor do quentamento do aire en contacto cos continentes, non favorece a converxencia horizontal nunha área. Os anticiclóns de tipo mixto constan dunha capa superficial de aire frío pero polo resto son similares aos de tipo cálido. No verán, un anticiclón provoca xeralmente boas temperaturas con posibles néboas e brumas matinais. No inverno, forma unha capa fina de nubes que pode permanecer días ou semanas, xa que os raios solares non teñen forza suficiente para destruír a inversión creada. Os anticiclóns da zona temperada setentrional (30°-40°) adoitan evolucionar en sentido L e S. No inverno fórmanse anticiclóns semipermanentes sobre Norteamérica e Eurasia. Entre os 10°-40° N hai unha cadea de anticiclóns permanentes cos seus centros xeralmente sobre o océano. Os anticiclóns do hemisferio norte que se moven cara ao norte provocan ondas de aire frío no inverno e tempo claro e fresco o resto do ano. Os anticiclóns do hemisferio norte que se moven cara ao sur provocan no inverno tempo temperado e no verán tempo seco e cálido. O principal anticiclón que afecta á Península Ibérica, e por conseguinte a Galicia, é o dos Açores.