antílope

antílope

(< lat tardío antilops

  1. [ANIMAL]
    1. s m

      Nome dado globalmente a todos os bóvidos da subfamilia dos antilopinos, a algúns das subfamilias dos bovinos, caprinos e hipotraquinos, e a algún artiodáctilo non bóvido, como o caso do antílope americano. Teñen as patas longas e delgadas, acabadas en dedos finos protexidos por pezuños. Teñen cornos persistentes, de tipo cavicórneo, ben desenvolvidos nos machos e máis pequenos ou ausentes nas femias. Viven en rexións desérticas, estepas e sabanas, con frecuencia en grupos de varios individuos. Algunhas especies habitan en Asia, pero a gran maioría viven en África, especialmente na parte oriental. Á parte dos animais chamados propiamente antílopes, cómpre considerar tamén como antílopes o cob, o cudú, a gacela, o impala, o ñu, o duikerbok, o steenbok, o niala, o nilgau, o orix, o saiga e especies dos xéneros Addax, Ammodorcas, Madoqua, Boselaphus e Phantolops.

    2. antílope acuático [Kobus ellipsiprymnus, subFam dos hipotraguinos]

      Antílope grande, con cornos longos e separados, e cun pelame bastante longo. Ten unha mancha branca en forma de media lúa en cada coxa. Vive preto de marismas e pantanos, entre Somalia e o río Limpopo.

    3. antílope africano [Taurotragus oryx, subFam dos bovinos]

      Antílope de gran tamaño, que acada uns 200 cm de altura, de formas semellantes ao boi e de movementos pesados. Ten unha xiba dorsal, un gran papo e o rabo longo. Vive en rabaños numerosos, nas sabanas de África oriental e meridional e tamén nas rexións semidesérticas.

    4. antílope americano [Antilocapra americana, Fam dos antilocápridos]

      Mamífero ruminante propio de América do Norte, única especie actual da familia dos antilocápridos. Ten os cornos curtos e bifurcados e a pelaxe mesta, dunha cor parda dourada no lombo e branca no ventre. No lombo presenta unha gran mata de pelo longo, que pode despregar de xeito voluntario. É un animal gregario e moi veloz, ben adaptado á vida nas praderías.

    5. antílope anano

      Nome dado a antílopes de distintos xéneros (Oreotragus, Dorcatragus, etc), propios de África, caracterizados polas súas pequenas dimensións e polos cornos, tamén curtos, presentes só nos machos.

    6. antílope cabalo [Hippotragus equinus, subFam dos hipotraguinos]

      Antílope de grandes dimensións (150 cm de altura), que pola súa forma lembra o cabalo. Os cornos están dirixidos cara á parte traseira do animal e forman un semicírculo. Vive en grupos, en terreos accidentados e con abundante vexetación de Mesopotamia, Arabia e Etiopía.

    7. antílope cabalo negro [Hippotragus niger, subFam dos hipotraguinos]

      Especie moi semellante ao antílope cabalo, pero de pelame máis escuro, que vive nos mesmos lugares ca este. Tamén se coñece como egócero.

    8. antílope negro [Antilope cervicapra, subFam dos antilopinos]

      Antílope duns 80 cm de altura, co rabo moi curto. Os cornos, presentes só no macho, están moi xuntos, son longos, helicoidais e diverxentes, e rematan en punta. O dimorfismo sexual é moi acusado: o macho ten o pelame negro e branco, e a femia é de cor castaña. Habita nas sabanas que carecen de árbores de Asia tropical, especialmente na India.

    9. antílope real [Neotragus pygmaeus, subFam. dos hipotraguinos]

      Pequeno antílope, do tamaño dunha lebre, que ten os cornos moi curtos e só presentes no macho. Ten un penacho de pelos entre os dous cornos. É propio de Guinea, Nixeria e Gana. Tamén se coñece como neótrago.

  2. antílope heráldico [HERÁLD]

    Figura fabulosa, frecuente nos armoriais ingleses, representada cunha cabeza semellante á do dragón, cornos case rectos, un pico e penachos, corpo de cervo e rabo de león dirixido cara ao lombo.