antinatalismo

antinatalismo

(

s m [SOCIOL/DEMOG]

Denominación aplicada a diversas doutrinas partidarias da restrición da natalidade ao considerar que o exceso de reprodución é responsable da miseria e da fame. A máis notable destas doutrinas é o maltusianismo. O antinatalismo é un sentimento propio das clases medias e, polo tanto, máis forte nos medios urbanos e nos países industrializados, onde provoca un avellentamento demográfico. A política antinatalista limita os nacementos mediante o aborto, os métodos anticonceptivos ou a esterilización, co obxectivo de reducir a miseria e aumentar o benestar material dos cidadáns. Nos países asiáticos, con elevadas taxas de natalidade e problemas de superpoboación, os gobernos son abertamente antinatalistas e adoptan medidas para evitar os nacementos: retraso da idade legal para contraer matrimonio, campañas de esterilización (India), penalizacións fiscais ás familias numerosas (política do fillo único na China). Polo xeral as campañas antinatalistas baseadas na difusión e o emprego de métodos anticonceptivos teñen pouco éxito a causa do escaso nivel de instrución popular e da falta de medios por parte dos gobernos. Algúns aspectos das concepcións antinatalistas que identifican a superpoboación como responsable da miseria foron combatidos tanto pola Igrexa Católica como polos marxistas, que coinciden en sinalar como principal causante da pobreza a acumulación e a distribución desigual da riqueza.

Palabras veciñas

antimutáxeno -na | Antín, Manuel | antina | antinatalismo | antinatalista | antinatural | antinéboa