Antón/Antona

Antón/Antona
[ONOM]

Antropónimo procedente do latín Antonius, nome da gens romana á que pertenceu Marco Antonio; posiblemente de orixe etrusca pero con significado escuro. Non parece adecuada a hipótese renacentista que o relaciona co grego anthos ( ἄ ν ϴ ος) ‘flor’, razón pola que existe en inglés unha variante con th, Anthony. É un dos nomes máis frecuentes en Galicia e, amais da forma patrimonial Antón, ten a variante culta Antonio, quizais pola de influencia de santo Antonio de Lisboa. Este nome, malia comezar por vocal, pode ir precedido tanto da forma “santo” como de “san”, debido ao longo asentamento desta última no uso popular. Santo Antonio de Lisboa ou de Padua (s XIII) é o patrón nacional dos portugueses e a súa festa celébrase o 13 de xuño. Santo Antón Abade é titular de 2 parroquias (Feás, en Boborás, e Vilarmeao, en Viana do Bolo) e patrón dos concellos de Carballeda de Valdeorras, Castrelo do Val, Petín e Verín. Santo Antonio é titular de 11 parroquias e patrón dos concellos de Agolada, Beariz, Boborás, Cambre, Campolamiero, Cedeira, Cervantes, Coristanco, Cualedro, Fornelos de Montes, Gomesende, Melón, Mesía, Monforte de Lemos, Pedrafita do Cebreiro, Ramirás, Rodeiro, Santiso, Sanxenxo e Sober; a súa festividade celébrase o 17 de xaneiro. San Antonio e o Neno Xesús son os patróns do concello de Catoria, onde son celebrados o día 15 de xullo. A festividade de santo Antón Mª Claret (s XIX) conmemórase o 24 de outubro; a de santo Antón Mª Zaccaria (s XVI), o 5 de xullo; e, finalmente, a do beato Antonio de san Boaventura, o 1 de xuño. O antropónimo Antón presenta as variantes: Antoño; Antonio/Antonia (cultismos) e os hipocorísticos Antucho, Nico, Tito, Toneco, Tonecho, Toniño, Tono, Toño, Toñoro, Tucho/Toniña. É moi amplo o cancioneiro popular que recolle este nome con todas as súas variantes. “Antoniño, meu Antón, / falar e rir está ben; / poñerme a man, iso non”; “Cando era pobriño, todos chamábanme Toniño, / agora que teño abondo, pra todos son don Antonio”; “San Antón, patrón dos porcos; /san Xosé dos carpinteiros; /santa Lucía, de albaneles; /e o demo, dos pedreiros”; “San Antoniño bendito, dádeme un home,/ aínda que me mate, aínda que me esfole”; “Antoniña, miña Antona, / buscarás a quien quixeres; /non che han faltar homes / nin tampouco a min mulleres”; “María Antoña, / rabo de pega, / mete o lume / e non gáste-la leña”, etc.

Frases feitas

  • Fogo de san Antón/ardente. Ergotismo, intoxicación por consumo de ergotina contida no cornizó, fungo que desenvolve no gran do centeo e que produce comechón e ardor. Tamén se coñece como caruncho, dentón e dente de can.

  • Ser coma o porquiño de san Antón. Acudir a todas as casas á hora de comer ou aceptar facilmente en cada casa a cortés invitación a comer algo.