Antorcha Galaica del Libre Pensamiento, La
Centro cultural obreiro que se fundou na Coruña o 18 de xaneiro de 1897 co subtítulo “sociedad de actos civiles”. Non tivo unha sede social estable, ocupando diferentes locais ao longo da súa existencia. Os seus obxectivos fundacionais eran favorecer o desenvolvemento das ideas librepensadoras e difundir a instrución integral e laica. Dende os seus comezos ata a súa disolución en 1936 por mor da Guerra Civil española, foi impulsada, entre outros, polos republicanos Eduardo López Budén e Xosé Arias Díaz, acompañados de anarquistas que defenderon a visión laica da vida pública. Neste eido, cabe sinalar o esforzo da Antorcha en soster a súa escola laica, moi vencellada á figura do mestre racionalista Constancio Romeo Lasarte, dende 1898 ata 1922. A partir de 1901 desenvolveron programas de educación para adultos en horario nocturno, co fin de facilitar o acceso á instrución de boa parte da poboación traballadora. Os proxectos da Antorcha Galaica del Libre Pensamiento chocaron acotío coas autoridades debido ao seu carácter laico e progresista. Así, a escola laica clausurouse no 1909 e fundouse un novo centro de primeiro ensino non oficial, o Centro Laico Froebel, que baixo a dirección de Constancio Romeo mantiña a anterior liña pedagóxica. No 1915 fundouse outra nova escola, La Luz. Eran escolas que contaban cunha boa dotación de material escolar, incluídas publicacións da Escola Moderna de Barcelona e mesmo dun Método de lectura progresiva editado pola propia Antorcha; as disciplinas que se impartían eran: Gramática, Aritmética, Xeografía, Moral e Urbanidade, Xeometría, Física, Agricultura, Industria e Comercio, Lectura e Escritura, Traballos Manuais, Rudimentos de Dereito, Coñecementos Naturais, Debuxo Lineal e Francés. Durante a Segunda República, período no que estivo presidida entre outros polo socialista Ramón Maseda e o libertario Benito Couceiro, tiveron grande eco os actos anticlericais a prol da expulsión das ordes relixiosas e a incautación dos seus bens para fins sociais. Estes actos foron levados a cabo conxuntamente co Centro de Estudios Sociales Germinal. Tamén encabezaron a protesta pola chegada ao noso país dos relixiosos expulsados de Francia. En abril do 1915 foi unha das organizacións participantes no Congreso Internacional da Paz que promoveron os anarquistas ferroláns co obxecto de espallar o sentimento pacifista no contexto da Primeira Guerra Mundial. Entre os seus membros cabe citar a Xosé Sanjurjo, Xosé Arias, Constante Barros, Xosé Cobas, Constancio Romeo e Xoán Luís Cebrián.