apartheid*

apartheid*

(< ingl apartheid

s m [SOCIOL/POLÍT]

Sistema de segregación das poboacións non brancas instituído de xeito oficial na República de Sudáfrica entre 1948 e 1991. A lexislación do apartheid clasificaba a poboación en tres grupos raciais: brancos, bantús ou negros e de cor ou mestizos, e posteriormente engadíronse os indios e paquistanís como unha cuarta categoría. Teoricamente destinado a provocar o “desenvolvemento por separado” das distintas comunidades raciais, traduciuse en leis discriminatorias para a maioría non branca: separación de razas, prohibición de matrimonios mixtos establecemento de zonas de residencia segundo razas ( Bantustan), organizando a xerarquía dos dereitos de cada grupo racial. O poder político pertencía á minoría branca, podendo asiáticos e mestizos exercer certos postos intermedios da administración. A poboación negra, que incluso tiña que presentar salvocondutos para circular por territorio branco, apenas gozaba de dereitos, e estaba obrigada a desempeñar postos subalternos; o ensino seguía currículos discriminatorios en contidos e métodos a prol dese desenvolvemento por separado. As revoltas de Soweto (1976) marcaron o inicio dun movemento imparable de desintegración do apartheid que rematou definitivamente no 1994 coa convocatoria das primeiras eleccións multirraciais do país, que levaron á presidencia a Nelson Mandela, líder das reivindicacións negras encarceado durante anos, trala vitoria do Congreso Nacional Africano.

Palabras veciñas

apartador -ra | apartamento | apartar | apartheid* | aparvado -da | aparvar | apatía