apicultura
(
Cría de abellas coa finalidade de aproveitar a súa produción, principalmente o mel e a cera. A colmea móbil, base da apicultura moderna ou racional, permite a observación e a manipulación da colonia sen perturbar a súa vida, como tamén a recolleita doada e non destrutiva dos favos. A práctica da explotación racional require: a localización do apiario nunha zona ben abastecida de plantas melíferas; cómpre que haxa auga suficiente preto do apiario e en xeral un clima temperado e seco; cómpre escoller colonias fortes (máis de 60.000 individuos) e de boa raza, como, por exemplo, a italiana (Apis mellifica variedade ligustica). A maior produtividade das colmeas ben poboadas suxeriu a invención de colonias compostas, cun número variable de colonias superpostas, que mediante as manipulacións adecuadas acadan rendementos extraordinarios, esta é a chamada colmea rañaceo (Dugat-Standard) de M. Dugat. Durante o período de floración, cómpre prover a colmea de alzados, caixóns suplementarios con cadros provistos de cera estampada ou ben con favos dos que se extrae o mel, para facilitar, no primeiro caso, a construción do favo máis rapidamente, e no segundo, para obter un inmediato almacenamento do mel. Para evitar a aparición de cría no alzado e para confinar esta na parte inferior da colmea (cámara de cría), adoita colocarse entre ambos os dous unha reixa especial (separador da raíña). A importancia da fecundidade da raíña é fundamental para a perpetuación da especie e da vida da colonia, xa que a raíña é a única femia fértil da colmea. Isto fixo que se desenvolvesen sistemas para a cría das raíñas e máis modernamente para a súa fecundación artificial. As larvas das abellas poden ser víctimas de micoses, viroses (cría sacciforme ou sack-brood), enfermidades bacterianas, etc; os adultos poden ser atacados por diversos parasitos, fundamentalmente polo protozoo Nosema apis, polo ácaro Acarapis woodi e pola ameba Malpighamoeba mellificae causante da amebiase das abellas. Os principais inimigos das abellas son outros insectos, como o piollo das abellas (Braula caeca), a bolboreta da morte (Acherontia atropos), certas formigas (Iridomyrmex humilis), a couza da cera (Galleria mellonella), etc. O apicultor válese, para as súas manipulacións, de elementos de protección (máscara ou veo, guantes, apífugos, fumigador para calmar as abellas) e doutros complementos e accesorios. Os elementos para a recolleita do mel son fundamentalmente o desoperculador, co que se destapan as celas cheas de mel, e o extractor, que extrae por centrifugación o mel das entenas sen destruílas. Os produtos da apicultura son o mel, a cera, o pole e a xelea real. Pódese considerar interesante unha produción a partir de 30 kg de mel por colmea. O aproveitamento económico máis importante da apicultura é, sen embargo, a polinización que as abellas provocan en todas as flores visitadas para recoller o néctar e o pole. A polinización leva a mellores rendementos agrícolas, sobre todo nas árbores froiteiras (do 30 ao 50 % máis), e pode chegar a representar de 10 a 20 veces máis ca o valor da colleita de mel e cera. Esta circunstancia fai que se establecese unha colaboración mutuamente beneficiosa entre apicultores e fruticultores; estes últimos chegan a contratar o traslado temporal -de 8 a 15 días- de colonias apícolas nos seus verxeis.