Apollo
-
[AERON]
ehículo do programa Apollo co obxectivo de aterrar na Lúa. Constaba de tres elementos: módulo de mando, de forma cónica, centro de control, preparado para a vida da tripulación; módulo de servicio, de forma cilíndrica, parte propulsiva do módulo de mando; e módulo lunar, de forma poliédrica, parte do vehículo destinada a aterrar na Lúa, provista dunhas unidades propulsoras propias.
-
[AERON]
Nome que, seguido dun número en cifra latina, se lle dá a cada un dos voos do programa espacial norteamericano Apollo. Os tres primeiros da serie foron lanzados en 1966 co foguete Saturn I-B, quen de poñer en órbita 18 toneladas, e consistiron en voos suborbitais de proba da reentrada na atmosfera. O Apollo 4 foi o primeiro lanzado co foguete Saturn V capaz de satelitizar 126 toneladas. O Apollo 5 (1967), que sería o primeiro voo tripulado, non chegou a realizarse, por mor dun accidente sufrido na fase de probas (alí morreron os tres astronautas que tiñan que facelo). O Apollo 7 (1968) representou o primeiro voo tripulado do programa e, ademais, constituíu a primeira colocación en órbita dunha cápsula espacial norteamericana con tres astronautas. O Apollo 8 (1968) foi a primeira misión tripulada norteamericana de voo arredor da Lúa. O Apollo 9 (1969) representou unha misión de adestramento en órbita terrestre que tivo por finalidade probar o funcionamento do módulo lunar e a realización das operacións de cita e de transbordo dos astronautas dun módulo a outro. O Apollo 11 (1969) foi o voo que levou o home a pisar por primeira vez o solo lunar. Os astronautas foron Neil A. Armstrong (comandante do voo e único civil), Edwin E. Aldrin e Michael Collins. A aterraxe na Lúa tivo lugar o día 20 de xullo. A duración total da viaxe foi de aproximadamente 9 días. Cinco voos máis conseguiron alunar. O programa acabou co Apollo 18 (1975), que consistiu no encontro cun vehículo soviético, Sojuz 19, co que se axuntou. Tres voos Apollo constituíron as tres misións Skylab.
-
programa Apollo
Programa aeronáutico dos EE UU constituído por 21 voos espaciais e que tivo por finalidade conseguir a exploración da Lúa antes da fin do ano 1970. Comezou no 1960 por decisión do Presidente dos EE UU John Fitzgerald Kennedy. Leváronse a termo previamente os voos Mercury e Gemini, desenvolvéronse a serie de foguetes Saturn e ademais, aumentou a información co lanzamento das sondas espaciais Ranger, Surveyor e Lunar Orbiter.
-
Programa de Aplicacións Apollo
Proxecto astronáutico dos EE UU para utilizar os vehículos, os foguetes e as técnicas postas a punto co programa Apollo para misións espaciais tripuladas, xa sexan de órbita terrestre, xa sexan lunares.