Aponte
-
[ONOM]
Apelido de orixe toponímica procedente do latín ponte. Como apelido xa se documenta no s XIV: “Martin Perez da Ponte” (doc ano 1333 en E. Rivas Quintas, Onomástica persoal do noroeste hispano, 1991, p 607).
-
[HIST/HERÁLD]
Antiga liñaxe procedente de Betanzos, segundo algúns investigadores, e de Pontedeume, segundo outros. Nos tratados heráldicos este apelido pode aparecer coas formas Da Ponte, de Ponte, e Ponte. Os de Pontedeume tiveron o señorío do castelo de Monreal quen, trala morte do seu último posuidor, Pedro Mejia de Aponte, pasou á orde de Santiago. Xa polo ano 744 era señor desa casa Gil de Aponte (ou Nuño Gil de Aponte), un dos máis famosos capitáns da época, que viviu nos reinados de Afonso I o Católico, Froila e Afonso II o Casto, sepultado na igrexa de Santa María de Iria Flavia, en Padrón. Dende a primitiva casa pasaron a Noia e Amusco (Palencia), e desde esta última vila a Lugo, Toledo, Ocaña, Cuenca, Madrid, Aragón, Extremadura e Italia. Dos Aponte da Coruña descende Simón Bolívar, o Libertador das terras americanas. Os de Lugo asentáronse no lugar de Caboxo, no concello lugués de Abadín. Os Aponte levaron tamén o apelido Freixomil como se pode ver en varios Vasco de Ponte, que foron señores de Celas. Moitos cabaleiros desta liñaxe probaron a súa nobreza nas Reales Chancillerías de Granada e Valladolid, na Real Audiencia de Oviedo e na Real Compañía de Guardas Marinas, e ingresaron nas ordes de Alcántara, Calatrava e Santiago. As armas dos Aponte de Pontedeume e Aragón levan, en campo de prata, unha ponte de dous arcos de azul, baixo a que corre un río de azul e prata e, sobre a ponte, unha torre tamén de azul. Os da Coruña ostentan, en campo de prata, unha ponte de dous arcos de azul, baixo a que corre un río de azul e prata e, sobre a ponte, unha cabeza de lobo en xefe. Os da vila de Noia representan, en campo de azul, unha ponte de ouro de dous arcos sobre un río de azul e prata e, enriba da ponte, un castelo de pedra e dous leóns da súa cor apoiados aos muros. Os de Amusco e Extremadura traen, en campo de azul, unha ponte de ouro de cinco arcos, baixo a que corre un río de azul e prata; o arco central da ponte está quebrada e ten, á súa sinistra, un castelo de pedra e, á súa destra, un lobo de sable en actitude de saltar ao outro lado da quebradura, que leva na boca unha cinta voante de prata con esta lenda “Oh, que mal paso”, en letras de sable. Outros usan, en campo de azul, unha ponte de pedra de tres ollos, sobre un río de azul e prata e, enriba da ponte, unha torre da súa cor arrimada de dúas cruces de Calatrava, de goles. Algúns poñen sobre a torre un lobo de sable. Aínda hai investigadores que reseñan outros catro escudos para esta caste. Unha variante leva, en campo de prata, unha ponte de dúas arcadas da súa cor natural, baixo a que corre un río de azul e prata e, sobre a ponte, unha torre de pedra aclarada de sinople; outra trae, en campo de azul, unha ponte de dous arcos de pedra, baixo a que corre un río de azul e prata e, sobre a ponte, un castelo de pedra aclarado de sinople e dous leóns da súa cor arrimados aos muros; os ascendentes de Simón Bolívar tiñan escudo cortado, levando a primeira partición, en campo de goles, unha cabeza de lobo de sable e, segunda, en campo de goles, unha ponte de pedra de seis arcadas. Finalmente, outra variante ostenta, en campo de azul, unha ponte de pedra de tres arcos, sobre ondas de azul e prata, sumado no flanco destro dunha garita tamén de pedra e, superado no sinistro, por unha cabeza de lobo da súa cor.