Aragón

Aragón

Comunidade autónoma do estado español (47.646 km2; 1.187.546 h [1996]) que se estende dende o Pireneo Central, ao N, ata o Sistema Ibérico, ao S. Limita ao N coa República Francesa, ao L con Catalunya, ao O coa Comunidad Foral de Navarra, La Rioja e Castela e León, e ao SO con Castela-A Mancha e ao SL coa Comunitat Valenciana. Administrativamente está dividida nas provincias (de N a S) de Huesca, Zaragoza e Teruel. A súa capital é Zaragoza.
Xeografía física
Distínguense tres unidades morfolóxicas e fisiográficas ben definidas: os Pireneos, a depresión do Ebro e o Sistema Ibérico. O Pireneo aragonés correspóndese co Pireneo Central, e nel podemos distinguir en primeiro lugar unha zona axial, formada por unha estreita franxa de materiais paleozoicos metamórficos que dan como resultado formas abruptas. Nesta zona acádanse as maiores altitudes, cos 3.355 m do Monte Perdido, os 3.371 m do Posets ou os 3.404 m do pico de Aneto, no límite nororiental da comunidade. A seguir, cara ao S, aparecen a cubeta de Jaca e o canal de Berdún, depresións tectónicas que separan o sector axial do Prepireneo. O Prepireneo aséntase sobre materiais terciarios (calcarias e margas). Sobresaen elevacións como a serra de La Peña (1.769 m de alt máxima) ou a serra de Guara. Ao S de ambas as marxes do Ebro, esténdese a depresión do Ebro, rodeada dunha serie graduada de terrazas cuaternarias de limos e pelouros. A zona meridional de Aragón está ocupada por un tramo do Sistema Ibérico, onde se atopan o Moncayo (2.313 m de alt) e o Peñarroya (2.019 m). Os relevos trazan dúas aliñacións paralelas ben definidas no sector de Zaragoza; na provincia de Teruel, o sistema divídese en catro serras separadas por pequenas depresións. Aragón presenta dúas subrexións climáticas ben definidas: dunha banda as montañas, e doutra a depresión do Ebro. Esta última ten como principal característica unha acusada continentalidade e unha grande irregularidade nas precipitacións anuais. Os ventos son frecuentes e intensos, particularmente os do N e NO (cierzos), sempre fríos, e os do L e SL (bochornos), cálidos e húmidos. Os ríos pirenaicos, os máis caudalosos e con enchentas na época de fusión das neves, contrastan cos menos importantes e de réxime torrencial das montañas prepirenaicas e do Sistema Ibérico. O Ebro é o gran colector da rexión. Aragón comprende tres territorios bioxeográficos nidiamente diferenciados: as terrazas do Ebro son un dos territorios máis áridos de Europa. A vexetación natural é de carácter mediterráneo meridional, aínda que sen especies termófilas. Do centro á periferia atópase primeiro o dominio das sabinas, onde predomina o esparto e, nos lugares onde aflora o xeso, as comunidades xipsófilas. Ao redor esténdese a maquia de carrasqueira e espiño; nos outeiros poden aparecer bosques de piñeiro branco e, de xeito excepcional, o lentisco e outras plantas mediterráneas litorais. A carrasqueira amosa un clímax forestal: o bosque de aciñeira de folla curta ou carrasqueira, substituído nunha gran parte por maleza e pastos secos, ocupa extensións moi importantes na periferia das terrazas do Ebro. O costado meridional do Pireneo central constitúe o territorio pirenaico de Aragón. As paisaxes máis húmidas, con bosques de faias e abetos, están case ausentes; por riba do piso basal mediterráneo da carrasqueira esténdese o piso do carballo valenciano e do piñeiro. Máis arriba, esténdese o piso da carballeira con buxo. Inmediatamente por riba aparece o piso do bosque de piñeiro vermello con matogueiras de densos astrágalos espiñentos de Genista horrida. Dun extremo ao outro do Pireneo aragonés, entre os 1.600 e os 2.300-2.400 m de altitude aproximadamente, atópase o piso subalpino de bosques de piñeiro negro; por riba deste, o piso alpino de prados naturais esténdese tamén por toda a cordilleira ata o límite das neves perpetuas. No extremo N do Sistema Ibérico o Moncayo presenta cara ao cumio paisaxes atlánticas, no resto, no costado oriental das montañas ibéricas aragonesas, a zonificación altitudinal por riba do piso basal de carrasqueira presenta tres estadios principais que ocupan áreas limitadas: piso de carballo valenciano nos terreos calcarios e de carballo cerquiño nos silíceos, que se estende aos lugares máis favorecidos polas chuvias; piso das sabinas, que corresponde preferentemente á montaña, máis chuviosa; e piso de piñeiro vermello, que ocupa os cumios dos macizos máis elevados.
Xeografía económica
En 1991 había en Aragón un total de 1.895.768 ha dedicadas á agricultura, das que 409.159 eran de regadío. As actividades agrarias producen bos rendementos nas hortas das veigas fluviais. No val do Ebro cultívanse forraxes, remolacha azucreira, cereais, hortalizas e árbores froiteiras. As zonas máis húmidas dos Pireneos comprenden amplas extensións de pastos e superficie forestal, ao igual que no Sistema Ibérico. Nas terras de secaño predominan os cultivos mediterráneos: oliveira, trigo e vide. A viña domina no val de Cariñena e a oliveira no Bajo Aragón, mentres que o trigo ten unha distribución máis homoxénea. Polo que respecta ao regadío, artéllase a partir de grandes canles, entre os que salienta o Canal Imperial de Aragón, de 90 km de lonxitude, que rega unhas 30.000 ha na beira dereita do Ebro. As terras trabállanse maioritariamente en réxime de propiedade directa. No tocante á gandería, o gando ovino explótase en réxime transhumante. O incremento da produción forraxeira implicou o aumento paralelo da estabulación en granxas industriais. Destaca a cría do gando porcino. A minería baséase en explotacións de lignitos (Aliaga, Andorra, Montalbán e Utrillas) e ferro (Ojos Negros). A industria está polarizada na cidade de Zaragoza: metalurxia, alimentaria, automóbil, química e, en menor dimensión, téxtil, do calzado e do coiro. As industrias de transformación agropecuaria atópanse máis dispersas, destacando os centros locais de Escatrón, Mequinenza e Tarazona na provincia de Zaragoza, Barbastro, Fraga, Huesca e Monzón na provincia de Huesca, e Alcañiz na provincia de Teruel. No sector pirenaico é moi importante o aproveitamento hidroeléctrico. O gran centro terciario aragonés é a capital, Zaragoza. Tamén as vías de comunicación máis importantes converxen en Zaragoza, cidade que ten, ademais, aeroporto internacional (Valenzuela). A distribución da poboación ocupada en 1992 era do 11,7% no sector primario, 25,2% na industria, 9,8% na construción e 53,2% nos servicios.
Xeografía humana
A poboación de Aragón en 1996 determina unha baixa densidade: 24,92 h/km2. O seu extenso territorio está ocupado por núcleos de poboación non moi grandes. Zaragoza, á beira do Ebro, é o gran núcleo urbano con 601.674 h (1996). Á parte das capitais provinciais, (Huesca, Teruel e Zaragoza), outros municipios importantes son Alcañiz, Andorra, Barbastro, Binéfar, Calatayud, Caspe, Ejea, Escatrón, Fraga, Jaca, Mequinenza, Monzón, Tarazona e Sabiñánigo. As provincias de Teruel e Huesca tiñan máis poboación en 1900 que en 1996. Zaragoza, ben situada nunha encrucillada de camiños, potenciou o crecemento absoluto da rexión.
Historia
Aragón conta con abundantes restos prehistóricos que corroboran a existencia de presenza humana no val do Ebro dende tempos antigos. Pódense reseñar mostras do Paleolítico superior, como as covas de Colungo, con pinturas de cabalos e mans; do Mesolítico apareceron útiles e pinturas en Albarracín, Alcañiz, Maella ou Valderrobres; no Neolítico, os pobos de cultura celtibérica tiveron poboacións que cuñaban moeda e cultivaban a agricultura. Da Idade do Bronce descubríronse enterramentos en Calaceite, Calatayud ou Biescas, e machados e outras armas en Ejea e Los Paúles. Son numerosos os xacementos da Idade do Ferro, como os de Caspe, Samper ou Tarazona. A romanización produciuse a finais do s I, formando parte o territorio aragonés da provincia Tarraconense, e centrouse principalmente en tres núcleos poboacionais: Cesar Augusta (Zaragoza), Osca (Huesca) e Bilbilis Augusta (Calatayud); calzadas, pontes, teatros (Calatayud, Zaragoza), termas (Los Bañales, Panticosa), presas e as numerosas mostras de pintura, escultura, mosaicos e cerámicas evidencian o esplendor desta época. A finais do s V consolídase a dominación goda, na que se producen constantes incursións de vascos e francos que obrigan a fortificar os núcleos urbanos. Durante a primeira metade do s VIII produciuse a chegada dos musulmáns, penetrando ata a Serra de Guara, que delimita a fronteira superior da ocupación musulmana; no s IX e ao amparo dos francos, os indíxenas non dominados estrutúranse en condados: Aragón, entre os ríos Aragón e Gállego, Sobrarbe, entre o Ara e o Cinca, e Ribagorza, atravesado polo Esera, Isábena e Noguera Ribagorzana. Coincide a historiografía en sinalar o conde Aznar Galindo, protexido de Carlomagno, como o fundador da dinastía aragonesa. O condado quedou definitivamente unido ao Reino de Navarra co matrimonio de Andregoto Galíndez co Rei de Navarra García Sánchez (935). O Rei Sancho o Maior unifica baixo a súa Coroa os reinos de Navarra e Castela e os condados de Aragón, Sobrarbe e Ribagorza, e trala súa morte (1035) os territorios repártense entre os seus catro fillos, quedando Aragón para Ramiro, xa con título de Rei, e Sobrarbe e Ribagorza para Gonzalo. Ramiro I ampliou o territorio, incorporando Sobrarbe e Ribagorza e iniciando a conquista da zona musulmana, tarefa que continuaron os seus descendentes Sancho Ramírez (1063-1094), convertido tamén en Rei de Navarra ao morrer o seu Rei (1076) e Pedro I (1094-1104), que tomaron Huesca e Barbastro. Foi Afonso I o Batallador (1104-1134), o que logra recuperar Zaragoza (1118) e amplía os límites do reino ata case o seu territorio actual. Por testamento legou os seus dominios a ordes militares, feito non aceptado polos aragoneses que elixen como Rei o seu irmán Ramiro (Navarra independízase baixo García Ramírez). Ramiro II, o Monxe (1134-1137), casou a súa filla Petronila co conde de Barcelona, Ramón Berenguer IV, que propiciou a unificación de Aragón e Catalunya. A conquista do baixo val do Ebro e os primeiros pasos da proxección mediterránea anunciaban a solidez da recente fusión baixo a Coroa de Aragón. Os ss XIII e XIV foron os da expansión polo Mediterráneo coa anexión de numerosas prazas e un grande impulso comercial. Xaime I o Conquistador (1213-1276) incorporou Mallorca e València, culminando a expansión aragonesa na Península delimitada a través do tratado de límites de Almizra (1244). Baixo Pedro IV o Cerimonioso (1336-1387) anexiónase Sicilia e os ducados de Atenas e Neopatria. Con Martiño I o Humano (1396-1410), falecido sen descendencia, comezan as disputas sucesorias, resoltas a través do Compromiso de Caspe (1412) que elixe como monarca a Fernando de Antequera (1412-1416). O s XV abre un período de depresión que provocou fortes tensións sociais (levantamento foráneo de Mallorca, enfrontamentos entre a biga -oligarquía- e a busca -pobo- en Barcelona e o dos pagèsos de remensa) e políticas, estas últimas debidas á secular rivalidade entre os monarcas e a nobreza. O matrimonio entre Isabel de Castela e Fernando de Aragón en 1479 supón a unión das dúas coroas baixo unha soa dinastía. Subsistiron as institucións políticas propias, a lexislación separada, as aduanas particulares e creouse en Castela un consello de Aragón (1494) que debía atender os asuntos referentes á antiga Coroa. O Rei Fernando, contra o foro e con xeral oposición, impón o Tribunal da Inquisición. No reinado de Filipe II viviuse unha importante crise coa coroa con motivo dos feitos provocados polas actividades do seu secretario Antonio Pérez; fuxido a Aragón invocando a xurisdición do Xustiza, o Rei envía un exército que ocupa Zaragoza e executa ao xustiza Juan de Lanuza. Como consecuencia estalou un motín forista (1591) capitaneado por sectores da nobreza. Polas Resolucións de Tarazona, Filipe II castigou a revolta e reduciu algunha das competencias constitucionais aragonesas. A Guerra de Sucesión (1701-1714) acabou definitivamente coa autonomía política de Aragón. Trala Batalla de Almansa (1707) o borbón Filipe V suprimiu os foros aragoneses e valencianos e adoptou unha serie de medidas centralizadoras que puxo en práctica definitivamente a través dos decretos de Nova Planta polos que os antigos reinos son gobernados directamente dende Madrid mediante capitanías xerais, audiencias e intendentes. Con todo, o s XVIII é un período de expansión e esplendor aragonés, que se deixou notar nun sensible aumento demográfico e fortes progresos na agricultura. A Guerra da Independencia (1808-1814) repercutiu duramente sobre a economía e demografía aragonesas, agravadas polas esixencias contributivas do estado posteriores á contenda. Nas loitas políticas dos ss XIX e XX Aragón divídese nunha zona máis rica e avanzada (Zaragoza e o val do Ebro), na que se manteñen actitudes políticas de carácter revolucionario, mentres as terras máis pobres do Pireneo e Bajo Aragón son o reduto de posicións máis tradicionais e conservadoras. A situación durante a primeira metade do s XX era de atraso, cunha agricultura empobrecida pola falta de mercados e investimentos, motivando fortes ondas migratorias e a radicalización do campesiñado pobre, que se adscribiu maioritariamente á ideoloxía anarquista para combater a explotación dos propietarios rurais e a desatención do estado. Durante a Guerra Civil (1936-1939) moitas zonas rurais permaneceron fieis á República (constitución na poboación de Fraga do Consello de Aragón, controlado polos grupos anarquistas da CNT e a FAI, impulsor da colectivización do campo aragonés), mentres Zaragoza se converte no centro do ideario franquista, pese a que o conflito bélico frustrara as aspiracións rexionalistas coa anulación do proxecto de Estatuto de Autonomía de 1936. Tralo réxime franquista, as eleccións xerais do 15 de xuño de 1977 permitiron a constitución da asemblea de parlamentarios de Aragón. O 11 de marzo de 1978 o Consello de Ministros aprobou o réxime preautonómico e instituíu a Diputación General de Aragón como órgano de goberno, que quedou constituída o 9 de abril de 1978 baixo a presidencia de Juan Antonio Bolea Foradada (9.4.1979-9.5.1981). Sucesivamente, os gobernos preautonómicos estiveron presididos por Gaspar Castellano y de Gastón (9.5.1981-26.11.1982), José María Hernández de la Torre (26.11.1982-29.12.1982) e Juan Antonio de Andrés Rodríguez (29.12.1982-6.6.1983). O Estatuto de Autonomía foi aprobado, sen unanimidade, o 30 de xuño de 1982. As primeiras eleccións autonómicas celebráronse o 8 de maio de 1983, quedando constituídas as Cortes de Aragón o 20 de maio de 1983. A primeira lexislatura (6.6.1983-3.8.1987) estivo presidida por Santiago Marraco Solana, do Partido Socialista Obrero Español (PSOE). Durante a segunda lexislatura (3.8.1987-12.7.1991), trala coalición entre o Partido Aragonés Regionalista (PAR) e o Partido Popular (PP), o goberno estivo presidido por Hipólito Gómez de las Roces. Na terceira lexislatura, grazas á coalición entre o PAR e o PP, Emilio Eiroa García gobernou entre o 2 de xullo de 1991 e o 17 de setembro de 1993; sen embargo, foi substituído por José Marco Berges (17.9.1993-18.1.1995), do PSOE, e Ramón Tejedor Sanz (18.1.1995-11.7.1995). A cuarta lexislatura (11.7.1995-2.9.1999) estivo presidida por Santiago Lanzuela Marina, que gobernou unha coalición PP-PAR. A quinta lexislatura comezou o 2 de agosto de 1999 cun goberno de coalición PSOE-PAR presidido polo rexionalista Marcelino Iglesias Ricou.