arameo -a
(
-
adx
[ETN/LING]
Relativo ou pertencente aos arameos ou á súa lingua.
-
s
[HIST/ETN]
Individuo dun pobo semita do antigo Oriente establecido no s XI a C no O de Asiria. Un texto cuneiforme da III Dinastía de Ur (2006 a C) menciona a cidade de Aramiki; os nomes Aramu e Ahlamu aparecen en Mari (ss XIX e XVIII a C). Na época de Abraham, segundo a Biblia, a rexión de Aram Naharayim estaba ao N de Mesopotamia, tendo o seu centro en Haran. Preto da actual Baalbek, tribos arameas nómadas chegadas de Mesopotamia no s XI a C fundaron pequenos estados: Samal, Arpad, Alepo, Hama e Damasco, o máis poderoso de todos eles, atacado repetidamente polos asirios, caendo nas mans do Rei asirio Teglatpelésar III (733). Despois da Batalla de Qarqar (720), derrotados por Sargon II de Asiria, desapareceron os estados arameos.
-
s
m
[LING]
Lingua ou conxunto de dialectos semíticos do grupo occidental. Falada polo pobo arameo, despois da súa desaparición como entidade política, converteuse na lingua franca do Próximo Oriente. O seu nacemento está moi relacionado co hebreo, o siríaco e o fenicio do que deriva o seu alfabeto. Caracterízase polo triliteralismo, pola perda da vogal de caso na declinación e polo feito de formar os plurais mediante a anexión de sufixos. Aínda que foi pouco importante literariamente, sen embargo, exerceu como transmisora da cultura grecorromana en Oriente e do Oriente a Europa. O arameo antigo remóntase probablemente ao II milenio a C, aínda que os primeiros testemuños da súa aparición dátanse a finais do s XI a C. Durante o Imperio Babilónico converteuse na lingua oficial, e a partir do s VII a C, suplantou ao accadi, para acadar a súa máxima vitalidade: convértese na lingua franca dos comerciantes babilonios no Oriente Medio. Substituíu tamén ao hebreo, a partir do desterro dos xudeus en Babilonia, en tempos de Nabucodonosor (principios do s VI a C). O arameo antigo é a lingua da maior parte dos textos dos libros bíblicos de Daniel e de Esdres. O paso do arameo antigo ao dialectal está marcado por dúas linguas o nabateo de Petra e o palmiré (NO de Damasco), chamados de transición (ss II e I a C). A partir do s I distínguense dous grupos dialectais: o occidental e o oriental. Integran o primeiro grupo: o xudeu-palestino, o samaritano e o cristián-palestino. Entre os dialectos do grupo oriental cómpre sinalar o sirio (o máis relevante do grupo cunha importante tradición literaria entre os ss III e VI), o arameo do Talmud de Babilonia e o mandeo. O arameo moderno, moi influído polo árabe, é a lingua falada actualmente no norte de Damasco, de Irán e de Iraq por unhas 150.000 persoas.