Aranga

Aranga


Concello da comarca de Betanzos, situado na provincia da Coruña ao N da comunidade autónoma (43° 14’ 3” de latitude N e 8° 00’ 58” de lonxitude O). Limita ao N cos concellos de Monfero (comarca do Eume) e Irixoa, ao O cos de Coirós e Oza dos Ríos, ao S co de Curtis, todos estes na comarca de Betanzos, e ao L co de Guitiriz (comarca da Terra Chá)., Abrangue unha superficie de unha superficie de 119,6 km 2 cunha poboación de 2.219 h (2007), distribuídos nas parroquias de Aranga, Cambás , Feás, Muniferral, San Vicente de Fervenzas e Vilarraso. A capital está no lugar de Ponte Aranga, na parroquia de Aranga. Dista 40 km da Coruña e 75 km de Santiago de Compostela e pertence ao partido xudicial de Betanzos e á arquidiocese de Santiago de Compostela.
Xeografía física
O concello de Aranga está situado ao O da dorsal da Galicia occidental, no dominio climático oceánico continental. É un concello montañés, con rexistros térmicos suaves. A temperatura media anual é de 10,8° C. A media do mes máis frío, xaneiro, é de 6,2° C e a do mes máis cálido, xullo, de 16,7° C. A amplitude térmica extrema chega aos 21,1° C. A precipitación media anual é de 1.629 mm, cunha distribución estacional que reflicte unha acusada seca estival: 38% de precipitacións recollidas no inverno, fronte ao 9% do verán, quedando as estacións de transición en valores intermedios (26% na primavera e 27% no outono). O relevo é contrastado en altitude e largura, ascendendo aos 600 m na serra da Loba e no cordal do Montouto ao L. O río Mandeo, que nace no Marco das Pías (concello de Sobrado), drena e atravesa este concello, encaixado de xeito non continuo e describindo unha curva en dirección S-NO. O Mandeo é o colector de todos os regos (Loba, Portabenza, etc) e ríos (Deo, Cambás, etc) que percorren o territorio municipal de Aranga. Situado ao S da depresión das Pontes, a dorsal occidental galega, que atravesa dende a serra da Faladoira ata a serra do Faro do Avión, é a unidade na que se inscribe o relevo do concello de Aranga: ao N atópanse a serra da Loba e o cordal de Neda. As máximas altitudes rexístranse na parte máis oriental do concello: o seu teito son os 734 m de altitude da Pena da Uce. Tamén destacan os 726 m do Marco do Pando e os 697 m do alto da Veiga Roiba, no límite co concello de Guitiriz. Predominan os materiais graníticos, o xisto e mais o ollo de sapo. Os solos sobre rochas ácidas son os predominantes, se ben tamén se atopan solos sobre areeiros e cuarcitas, profundos e areosos, moi ácidos e pobres en elementos nutritivos.
Xeografía humana
A poboación do concello de Aranga experimentou ao longo dos últimos dous séculos unha evolución inserida nas liñas mestras que definen o modelo xeral do medio rural galego: incremento moderado, cun pequeno retroceso, do ano 1887 ao 1940, (ano no que acada o seu máximo poboacional con 5.005 h), e descenso acusado e mesmo traumático a partir da década de 1940. A taxa de crecemento entre 1940 e 1996 foi negativa nun 50,7%. Esta perda de poboación coninuou e no período 1996-2001 perdeu o 6,16% da poboación e, entre 2001 e 2007, o 4,10%. O escaso nivel de desenvolvemento económico foi a causa da alta emigración do concello, con destino preferente ás cidades da Coruña e Ferrol, así como á Arxentina e, máis recentemente, Alemaña, Suíza, Francia e Inglaterra. A taxa de natalidade situábase en 2006 no 4,3‰ e a de mortalidade no 12,6‰, polo que o crecemento natural é negativo -8,3‰. Froito desta evolución, o concello presenta unhabaixa porcentaxe de poboación nova, 10,5%, fronte ao 33,8% dos maiores de 65 anos e o 55,7% do grupo intermedio. A distribución por sexos está equilibrada: 50,60% de homes e 49,29% de mulleres.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Aranga é do 41% (53,2% a masculina e 28,6% a feminina); a taxa de ocupación é do 37,6% (49,3% a masculina e 25,7% a feminina) e a taxa de paro é do 8,3% (7,3% a masculina e 10% a feminina). . A economía do concello é de base agropecuaria. A agricultura, que xera directamente o 36,5% dos empregos no municipio, oriéntase á alimentación do gando, especialmente bovino con especialización leiteira. Esta é a actividade das dúas cooperativas (Cooperativa de Aranga e Cooperativa de San Pedro de Cambás) que funcionan en Aranga. É salientable tamén a grea de cabalos salvaxes, especialmente nos montes das parroquias máis setentrionais. O feito de que o 71,20% da superficie agraria útil estea dedicada á masa forestal xustifica a presencia dun aserradoiro, algunhas carpinterías e varios compradores de madeira. A pesca mantén un 0,4% de ocupación A actividade industrial, que lle dá emprego ao 10,5% dos traballadores do concello, céntrase nos traballos que fan as canteiras e nun taller mecánico. A construción representa o 15% da poboación ocupada, sen embargo, a súa actividade desenvólvese maioritariamente fóra do concello. Finalmente, o sector servizos, en aumento, ocupa ao 37,6% da poboación, a maior parte na hostalería. O concello está atravesado pola N-VI e pola A-&.
Historia
As evidencias de poboamento e actividade humana máis antigas do concello de Aranga son as numerosas mámoas que se conservan espalladas ao longo das penechairas, entre as que cómpre salientar a da Fraga do Vello e as de San Paio, en Aranga, e de San Victorio, en Cambás. Da época castrexa permanece o castro chamado de Imanzor (Aranga), non documentado satisfactoriamente. En tempos de Teodomiro (s VI) edificouse no monte Catón, hoxe monte do Gato, o Castrum Ieaccio, fortaleza que xunto con outras era un dos baluartes defensivos da comarca mariñá. A mediados do s XIV Álvaro García de Albornoz, adiantado maior de Galicia, sentencia a favor dos monxes de Sobrado contra os seus vasalos do couto de Aranga, que se resistían ao recoñecemento da vasalaxe. As parroquias que integran o concello de Aranga pertenceron durante o Antigo Réxime ás xurisdicións de Fervenzas, Muniferral e Sobrado, dependentes do cabido de Santiago e do mosteiro de Sobrado, pertencentes, á súa vez, á provincia de Betanzos. Co establecemento dos concellos en 1812 creouse o concello de Aranga, do partido xudicial de Betanzos e a provincia de Galicia. En 1822, coa división en catro provincias, pasou á nova provincia da Coruña. En 1836 a parroquia de Rodeiro incorporouse ao concello de Oza. Dende entón só hai que salientar a creación en 1867 da parroquia de Vilarraso, como agregación de lugares pertencentes anteriormente ás parroquias de Muniferral e Aranga, e ás de Foxado e Curtis no concello de Curtis. No s XIX e a comezos do XX desenvolveuse unha actividade económica baseada na minería do ferro, que deu lugar á creación de varios martelos mecánicos en Cambás, e na extracción de granito e pizarra. Así mesmo, principiou unha incipiente industrialización da man da agricultura, aparecendo varios muíños fariñeiros, que aínda se conservan na actualidade. Estes elementos forneceron a importante feira mensual de Aranga.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan as igrexas San Cristovo de Muniferral , románica, e de San Paio de Aranga (s XVII) de estilo barroco e a ermida de San Vitorio dos Caínzos-Cambá. Consérvanse restos dun castelo medieval, na confluencia do río Cambás e Mandeo, que data de mediados do s X, que pertenceu ao conde Hermenexildo e á infanta Paterna, fundadores do mosteiro de Sobrado dos Monxes, declarado BIC en 1994 xunto coa torre de Teodomiro.. Da presenza fidalga só restan a casa do Vinculeiro (Feás) e a de Castelos (Muniferral). Sobre o río Mandeo levántase a ponte de la Castellana (s XVI, reformada no XIX) e a de Aranga, do s XIX. Destaca tamén o conxunto etnográfico de Cambás de Rilleira, e os cruceiros de Carballiños, Loba Feás ou Fervenzas. XO patrimonio natural está representado polo espazo natural Betanzos-Mondeo, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro do Rede Natura 2000. unto coas festas parroquais celébranse a romaría da Santa Cruz Grande e Pequena no mes de maio e a Festa da Árbore o derradeiro venres do mes de maio na capital municipal.

Datos de poboación (2007)

Provincia A CORUÑA
Comarca Betanzos
Extensión 119 Km2
Poboación Total 2219 h
Poboación Homes 1123 h
Poboación Mulleres 1096 h
Densidade de poboación 18.65 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias