Araúxo
-
[ONOM]
Apelido de orixe toponímica moi frecuente en Galicia, ben con esta forma ou ben coa variante castelanizada Araújo. A xeografía portuguesa está inzada de topónimos que levan este nome; tamén se recolle en puntos de Ourense. De orixe escura, probablemente vén do masculino correspondente á forma do latín hispánico arrugia ‘galería larga de mina, arroio’. Como apelido xa se documenta no s XII: “Menendus Arauugio” (doc ano 1166 en Pilar Loscertales de C. de Valdeavellano Tumbos del monasterio de Sobrado de los Monjes I, 1976, p 536).
-
[HIST/HERÁLD]
Liñaxe galega que tivo a súa casa orixinaria na ribeira do Miño en terras de Monção. Estendeuse polo resto de Galicia fundando casas en terras ourensás, fundamentalmente. Os Araúxo ou Araújo (variante gráfica castelanizada) galegos foron señores dos lugares de Araúxo, Lobios e Entrimo do partido de Bande, e Milmanda do partido de Celanova. Foron donos do castelo de Sande no partido de Celanova e algúns foron pertigueiros nesta mesma terra. As primitivas armas desta estirpe levan, en campo de sinople, unha torre de prata e unha muller tralas rexas da ventá. Outra variante trae, en campo de goles, unha banda de prata acompañada, no alto, de dúas estrelas de ouro e, no baixo, doutra estrela do mesmo metal. Algúns investigadores aínda reseñan outras moitas variantes; entre elas, unha ostenta, en campo de azul, unha torre de prata aclarada de sable coas súas ameas e homenaxe, e na ventá asomada unha muller; a torre arrimada doutras dúas, tamén de prata pero máis pequenas das que, a do flanco destro, está superada dun sol de ouro e, a do flanco sinistro, dun crecente de prata adestrado; sobre a homenaxe da torre principal, cinco estrelas de ouro, postas en arco; nos dous cantóns do xefe, unha flor de lis tamén de ouro e, en punta, sobre un terrazado de sinople, unha perdiz entre as garras dun falcón de sable. Outra leva, en campo de azul, unha torre de prata, aclarada de sable.