Arbo
Concello da comarca da Paradanta, situado na provincia de Pontevedra, no SO da comunidade autónoma (42° 06’ 52” de latitude N e 8° 18’ 32” de lonxitude O). Limita ao N co concello da Cañiza (comarca da Paradanta), ao O co concello das Neves (comarca do Condado), ao S co río Miño, que o separa de Portugal, e ao L co concello de Crecente (comarca da Paradanta) . Abrangue unha superficie de 42,9 km2 cunha poboación de 3.887 h (2001) distribuídos nas parroquias de Arbo, Barcela, Cabeiras, Cequeliños, Mourentán e Sela. A capital está no lugar do Pazo, na parroquia de Arbo. Situado a, a 135 km de Santiago de Compostela, e 75 km de Pontevedra, pertence ao partido xudicial de Ponteareas e á diocese de Tui.
Xeografía física
O concello de Arbo sitúase no límite do dominio climático oceánico húmido con tendencia á aridez estival. Situado no curso baixo do río Miño e afectado polos somontes da dorsal galega, a doada penetración dos ventos do SO afecta aos rexistros termopluviométricos. A temperatura media anual é de 14,7°C, a media de xaneiro é de 8,4°C e a de xullo de 21,7°C. A amplitude térmica extrema chega aos 23,5°C. O número de días ao ano libres de risco de xeada é de 307. A precipitación media anual é de 1.221 mm cunha distribución estacional que amosa unha seca estival acusada: 40% de precipitación recollida no inverno fronte ao 7% do verán, quedando as estacións de transición en valores medios (27% en primavera e 26% en outono). Os trazos fundamentais do relevo son a alternancia de vales e interfluvios, e a distribución dos somontes da dorsal galega. Os tres elementos que organizan a morfoloxía deste concello son a serra da Paradanta, os macizos graníticos de cumes planos e o val do Miño. A serra da Paradanta e as súas derivacións, orientadas en dirección NS, acada as máximas cotas no Chan do Rei (956 m), no Chan do Padrón (862 m), en San Fins (669 m) ou na Pedra que Bole (689 m). Os macizos graníticos de cumes planos son resultado de diferentes procesos erosivos, e están presentes no fondo do val das tres bacías do concello, co Coto do Moucho (171 m) ou na Telleira (109 m). A rede fluvial do Miño está formada polo propio río Miño e os seus afluentes, o Deva e o Cea, que seguen fracturas tectónicas en dirección NS ou LO. O río Cea nace a 750 m de altitude no Chan do Padrón, posúe un escaso caudal e ten un trazado rectilíneo ata a súa desembocadura que se caracteriza por curtos e estreitos saltos de auga no seu curso alto e por un perfil máis suave no seu curso baixo. O río Deva, que nace na serra do Faro do Avión, penetra no concello pola depresión da Lomba discorrendo cun trazado sinuoso sobre un fondo de val plano. O Miño presenta ao S do concello un val plano, aberto e amplo, onde aparecen espallados algúns outeiros graníticos de escasa altitude, efecto dos movementos isostáticos de ascenso e descenso de orixe distensiva que forzaron a formación de fosas que se cubriron de depósitos sedimentarios. Este leito sedimentario, prolongado durante o Cuaternario, xunto á amplitude e caudal do río determinaron a formación de pequenas insuas de area de certa entidade. Debido á súa topografía accidentada e á natureza do rochedo, os seus solos son pouco profundos e ácidos.
Xeografía humana
A poboación do concello de Arbo experimentou, ao longo dos últimos dous séculos, unha evolución inserida nas liñas mestras que definen o modelo xeral galego: de 1887 a 1950, ano en que acadou o seu máximo índice poboacional (6.442 h), a evolución da poboación sufriu varios incrementos e retrocesos moderados; sen embargo, a partir de 1950 produciuse un descenso acusado e como consecuencia, unha taxa de crecemento entre 1950 e 1996 de signo negativo do 29,7%. No período que seguiu ata 2001 perdeu o 25,4% da poboació e só entre esta última data e 2007 houbo un pequeno aumento da poboación cifrado no 3,87%. Este feito pode deberse aos lixeiros transvasamentos de poboación a Vigo, cidade que polariza a actividade industrial do S de Galicia. O trazo máis preocupante da situación demográfica do concello é a escasa poboación nova, só o 10,9% da poboación é menor de 20 anos, fronte ao 29,1% dos maiores de 65 anos e o 59,9% do grupo intermedio. A distribución por sexos está en equilibrio: as mulleres representan o 50,27% da poboación, mentres que os homes o 49,73%.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de é do 41,3% (56,2% a masculina e 27,4% a feminina); a taxa de ocupación é do 34,1% (47,1% a masculina e 22% a feminina) e a taxa de paro é do 17,4% (16,1% a masculina e 19,9% a feminina). A economía do concello é de base agraria, aínda que hai un elevado sector da poboación empregado na industria e na construción nos concellos de Vigo e O Porriño. A agricultura, que ocupa directamente o 9,8% da poboación activa do concello, oriéntase á explotación da vide que, xunto co millo e coas novas forraxes, forma parte do policultivo caracterizador do concello. A producción da vide destaca pola súa alta mecanización e a ausencia de cooperativismo. A comercialización dos seus caldos, da denominación de orixe Rías Baixas (subzona do Condado), está dirixida polas sete adegas vitivinícolas industriais presentes no concello. Destaca, así mesmo, a importante riqueza piscícola do río Miño, regulada por un sistema de vedas, que abastece o mercado con especies como a lamprea, a zamborca e o salmón. A pesca ocupa ao 3,1% da poboación. A actividade industrial, que lle dá emprego directo ao 22,8% da poboación activa do concello, céntrase nas actividades derivadas dos recursos naturais do concello: aserradoiros e adegas vinícolas. Así mesmo, gran parte da poboación empregada na construción, o 17,9% da poboación ocupada, e no sector industrial, desenvolve a súa actividade fóra do concello. Finalmente, o sector servizos ocupa o 47,4% da poboación; sen embargo, debido a que a oferta só cobre os servizos primarios, a poboación arbense busca en Vigo e Ponteareas servizos máis especializados.
Historia
As primeiras mostras da ocupación humana de Arbo son da época romana da que se conserva unha estela funeraria procedente de Cela que contén unha dedicatoria de dous libertos ao seu amo, morto aos 17 anos. Os primeiros documentos que fan referencia a estas terras datan do reinado de Afonso VII e conteñen noticia das doazóns que se fan de distintos lugares do seu territorio aos mosteiros de Melón, Albeos e Antealtares. Un destes documentos contén o privilexio das piscarias de Guixande, a primeira referencia documental dunha das construcións tradicionais máis representativas deste concello: as pesquerías ou pescos, destinadas á captura das diferentes especies piscícolas no Miño. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o territorio do actual concello pertenceron ás xurisdicións de Albeos e de Arbo, na provincia de Tui, con varios señores laicos, a casa dos Puga, Sarmiento e Troncoso, Paravedras, Liras, etc, dos que a máis importante pegada deixárona os condes de Soutomaior. Durante os ss XVII e XVIII foi escenario dos enfrontamentos derivados da independencia de Portugal da Coroa de Castela (1640) e da Guerra de Sucesión (1700-1715). No transcurso da Guerra da Independencia tivo lugar na Ponte Mourentán unha importante batalla (1809) contra o exército napoleónico comandado polo mariscal Soult e protagonizada por un grupo de veciños dirixidos polo abade de Couto e o licenciado Rivera. Co establecemento concellos en 1813, creáronse os de Albeos e Arbo, no partido de Tui e na provincia de Galicia. En 1821 apareceu tamén o concello de Barcela que, xunto cos anteriores, pertencía á provincia de Vigo. En 1835 o concello de Arbo absorbeu as parroquias dos concellos de Albeos e Barcela, integrados na mesma provincia, agora de Pontevedra. Dende entón non se rexistraron máis variacións. En Arbo funcionou un Sindicato Agrícola Católico na época do bispo Lago, promovido polo cóengo Bueno. Cómpre, así mesmo, salientar a publicación do semanario Aires do Miño e a fundación dun ateneo cultural, amais dunha sociedade literaria e deportiva.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos mencionados, destaca a igrexa de San Cristovo de Mourentán, templo barroco con trazos neoclásicos. No eido da arquitectura civil destacan os pazos de Almuíña, de Xil y Puga, da Moreira, de Mourentán e de Ribeira, e as casas grande de Alemparte e de Sela. Consérvase tamén unha ponte romana sobre o río Deva; as beiras do río atópase o paseo fluvial de San Xoán de Arbo. Cómpre destacar as pesqueiras sobre o Miño e o Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea. O patrimonio natural está representado polo espazo natural do Baixo Miño, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro do Rede Natura 2000. Celébranse, entre outras, as festas de San Brais en Cabeiras en febreiro, a de San Bieito en marzo e a de Nosa Señora do Libramento, en setembro e a Romaría de San Fins en Cabeira , no mes de agosto. O terceiro domigo de abril ten lugar a Festa da Lamprea, declarada de Interese Turístico, e o terceiro domingo de agosto ten lugar a festa da Augardante.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | PONTEVEDRA |
|---|---|
| Comarca | Paradanta, A |
| Extensión | 42 Km2 |
| Poboación Total | 3887 h |
| Poboación Homes | 1933 h |
| Poboación Mulleres | 1954 h |
| Densidade de poboación | 92.55 h/Km2 |