Areamaster
Estudio de gravación fundado en Vigo no ano 1992 por Anxo Maciel. Nos estudios Areamaster gravaron Matto Congrio, Desertores, Heredeiros da Crus, Crazy Cabuxa, Mercedes Peón, Diplomáticos de Monte Alto e Os Piratas, entre outros artistas. En 1997 inauguráronse as novas instalacións, dunha arquitectura acústica equiparable a estudios de gravación europeos de primeira liña, proxectadas polo enxeñeiro acústico inglés Philip Newell; contan con cinco salas de gravación, sala de control e salas de ensaio. Destaca a súa avanzada tecnoloxía baseada nas plataformas de gravación dixital (ADAT e PRO-TOOLS) e un conxunto de periféricos e instrumentos musicais de gran calidade. Nesta segunda etapa gravaron Pancho Álvarez, Na Lúa, Fuxan os ventos, Carlos Núñez, Emilio Cao, Berrogüeto, Heredeiros da Crus, etc. Traballan con numerosas compañías discográficas, entre outras: Chorima Edicións, Edicións do Cumio, e Xerais.