Argalo, anta de
Argalo, anta de
Situado na parroquia de Argalo (Barbanza). Tamén é coñecido popularmente co nome de Cova da Moura. Conserva restos da mámoa na súa parte posterior. Foi violada repetidas veces na procura de supostos tesouros. No 1980 escavouse con metodoloxía arqueolóxica. A cámara ten planta poligonal, está formada por sete chantas e conserva dúas pequenas laxes de corredor. Está documentada a destrución da tampa a comezos do s XX. Posúe un anel pétreo que pecha o recinto do monumento. Desta anta proceden varios seixos-ídolos, puntas de frecha, cerámica e outras pezas datadas no Megalitismo medio, momento do seu máximo apoxeo.