argon
(< gr ἀργόs ‘inactivo’)
-
s
m
[QUÍM]
Elemento gasoso, incoloro, inodoro e non tóxico de número atómico 18 e peso atómico 39,948. É o gas nobre máis abundante. A súa presenza na atmosfera terrestre (0’934% en volume) foi confirmada por John William Rayleigh en 1892 ( aire). Como os outros gases nobres, o argón atópase nun estado atómico enerxeticamente estable, con todos os orbitais ocupados. É, polo tanto, un elemento monoatómico, esencialmente inerte. As propiedades físicas, e, sobre todo, a inercia química do argón fan que sexa consumido en cantidades rapidamente crecentes como gas protector en todos aqueles casos nos que o nitróxeno non resulta axeitado. En primeiro lugar, a soldadura no arco de diversos metais e aliaxes, pero tamén en numerosos procesos metalúrxicos tales como, por exemplo, o refinado do titanio, do circonio e do aceiro inoxidable, a callada continua do aceiro e a fundición do aluminio. É especialmente idóneo como gas condutor en tubos fluorescentes, en contadores de Geiger-Müller e en cámaras de ionización para o estudo dos raios cósmicos. Aplícase tamén nas lámpadas eléctricas de incandescencia.
-
datación mediante o argon
[QUÍM]
Método de determinación da idade xeolóxica das rochas e dos meteoritos mediante a medida das cantidades relativas de potasio e de argon presentes.