Armada Invencible

Armada Invencible

Escuadra naval enviada polo Rei Filipe II contra Inglaterra no ano 1588. Os motivos que orixinaron esta decisión do monarca hispano foron varios: por unha banda, a tensión política orixinada pola axuda que esta brindaba a holandeses e flamengos irredentos ao poder español en Flandres; por outra as accións da piratería inglesa contra os barcos que volvían á Península Ibérica dende América cargados de prata e ouro e, xunto a estas, as loitas relixiosas que mantiñan os católicos e os protestantes. A incursión de Francis Drake no saqueo de Vigo, Cartaxena de Indias e Santo Domingo e a execución de María Estuardo (febreiro de 1587) precipitaron os acontecementos, de xeito que se decidiu o inmediato armamento da flota. Estaba composta por 130 naves provistas de 2.500 canóns, 8.000 mariños e 19.000 soldados, baixo o mando do marqués de Santa Cruz, don Álvaro de Bazán, experimentado mariñeiro galego que faleceu pouco antes de se botar a Armada. Foi substituído de inmediato polo duque de Medina-Sidonia, Alonso Pérez de Guzmán, que non contaba con experiencia mariñeira. O continxente saíu do porto de Lisboa o 20 de maio do 1588, oito anos despois de que Filipe II fora nomeado Rei de Portugal. O temporal obrigou a fondear no porto da Coruña por espazo dun mes; ese tempo foi aproveitado para fornecerse, reorganizar forzas e reparar avarías. O 22 de xullo levaron áncoras con 300 galegos aumentando os efectivos militares, ofrecidos polos condes de Lemos e Monterrei. Coa misión de invadir Inglaterra, a Armada debía recoller nas costas de Flandres os tercios de Alexandre Farnesio, o que resultou imposible por mor de dificultades de navegación causadas polas variables climatolóxicas, que obrigaron a tomar a decisión de volver á Península Ibérica rodeando as Illas Británicas. A Armada Invencible foi derrotada pola escuadra inglesa, xa esnaquizada co temporal, mandada polo almirante Howard d´Effingham. Contribuíu á vitoria inglesa, ademais da falla de coordinación entre a escuadra e as tropas de terra dos prestixiosos tercios de Flandres, a inexperiencia en mando naval do duque de Medina-Sidonia, a mellor manobrabilidade dos buques ingleses e o continuo azoute de temporais, o que lle levou a Filipe II a dicir a célebre sentenza “eu mandei os meus barcos a loitar contra os homes, non contra os elementos”-. A desfeita representou a destrución definitiva do poder naval hispano e a apertura das rutas ultramariñas entre Inglaterra e Holanda, que iniciaron a súa hexemonía comercial. Fracasada por completo a expedición a finais de setembro, malia a axuda que nas costas escocesas e irlandesas se prestaba aos españois, os superviventes foron regresando aos portos do norte de España, principalmente ao da Coruña, cun total de 66 dos 130 barcos que inicialmente formaban a escuadra.