Armesto

Armesto
[HIST/HERÁLD]

Liñaxe procedente da parroquia luguesa de Armesto, no partido de Becerreá, desde onde pasou a Asturias, Castela, Andalucía e América. Esta caste emparentou cos Becerra, Bermúdez de Castro, Becerreiro, Paraladoiro, Novoa, Sotelo e cos Niño de la Vega. Moitos membros dos Armesto probaron a súa nobreza na Real Chancelería de Valladolid. As súas armas levan, en campo de azul, unha cruz gamada de ouro cargada de cinco veneras de prata e goles, unha en cada brazo, e a quina no centro. Unha rama de Zamora leva, en campo de sinople, un castelo con muralla, no flanco destro, da porta sae unha vaca atada cunha cadea e os aneis terminan nunha troneira do castelo; no flanco sinistro, unha aguia da súa cor. Outra variante trae, en campo de goles, unha aguia voante da súa cor despregada e coroada de ouro.