Arnoia, A

Arnoia, A


Concello da comarca do Ribeiro, situado na provincia de Ourense ao o S da comunidade autaonoma (42° 14’ latitude N - 8° 7’ lonxitude O). Limita ao O co concello de Ribadavia, ao S cos de Cortegada (ambos os dous do Ribeiro) e Gomesende (da Terra de Celanova), ao L co de Cartelle, e o N co de Castrelo de Miño, ambos os dous do Ribeiro.. Abrangue unha superficie de 20,7 km 2 cunha poboación de 1.171 h (1996) cunha soa parroquia, A Arnoia. A capital municipal é o lugar de Outeiro Cruz, situado a 119 km de Santiago de Compostela, a 34 km de Ourense e a 6 km de Ribadavia. Está adscrito ao partido xudicial de Ribadavia e á diocese de Ourense.
Xeografía física
O territorio do concello da Arnoia sitúase no dominio climático oceánico-mediterráneo, cun microclima propiciado pola distribución do relevo: os rexistros termopluviométricos responden á súa situación a sotavento da serra do Faro de Avión, abeiro de magnitude fronte á circulación do O. A temperatura media anual é de 15,3° C, sendo a media do mes máis frío (xaneiro) de 9° C e a do mes máis cálido (xullo) de 22,5° C. Os rexistros de precipitación acadan unha media de 1.124 mm anuais, cunha distribución estacional que amosa unha tendencia á seca estival, particularmente no mes de xullo: recóllese o 41% no inverno, fronte ao 11% nos meses do verán, mentres as estacións de transición (primavera e outono) se comportan como tales co 23% e 25% respectivamente. Litoloxicamente, e coas salvidades dos socalcos e depósitos aluviais da beira do Miño, e algún dique de aplita espallado, o territorio do concello da Arnoia presenta unha dicotomía entre as granodioritas de gran medio a groso da súa metade occidental e os granitos de gran fino a medio da metade L. Deste xeito, o relevo do concello descende dende os seus límites orientais, onde acada altitudes de entre 550 m e 714 m (no Coto Novelle, no linde cos concellos de Castrelo de Miño e Cartelle), ata a captura do Arnoia polo Miño, a unha altitude de 70 m. Na parte occidental, entre 100 e 200 m de altitude, encóntranse os asentamentos da poboación. Destacan, ademais do coto Novelle, os 611 m do alto de Sande, no límite co concello de Cartelle. Polo que respecta á rede fluvial, entre os ríos e regos que drenan o municipio destaca o Miño, que marca o perímetro do concello na vertente setentrional e occidental. O Miño ten como principal afluente ao Arnoia, que dá nome ao concello, o que penetra polo SL.
Xeografía humana
A evolución da poboación municipal da Arnoia dende 1887 a 1996 foi negativa no conxunto do período, perdendo eun 60,67% da poboación. A perda de poboacion continúa: no período 196-2001 foi do 1,81% e no período 2001-2007 do 1,34%. Este saldo xeral é consecuencia dun descenso sostido motivado pola emigración, verificado en todas as catas censais coas únicas excepcións da década de 1940 a 1950 e de 1991-1996, nos que o saldo é levemente positivo, debido no primeiro caso ao cesamento dos fluxos migratorios por mor da posguerra, e no segundo, ao retorno de emigrantes, xa que o crecemento natural da poboación foi, nese intervalo, cada ano máis negativo. En 2006 a taxa de natalidade era baixa (3,4‰) e a de mortalidade alta (29,1‰), cun crecemento natural negativo, -25,7‰. O resultado é unha poboación fortemente avellentada na que os maiores de 65 anos representan o 36% dos habitantes fronte aos menores de 20 que son o 9,9%; entre 20 e 64 anos atópase o 54,1% da poboación. A composición por sexos amosa un desequilibrio a prol das mulleres propio das sociedades avellentadas, cun 51,49% fronte a un 48,50% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de é do 48,5% (57,2% a masculina e 40,4% a feminina); a taxa de ocupación é do 41,2% (50% a masculina e 33% a feminina) e a taxa de paro é do 15,1% (12,5% a masculina e 18,5% a feminina). A distribución por sectores de actividade da poboación ocupada amosa un predominio do sector servizos co 53,4% dos empregos. A agricultura, co 14,2% dos ocupados, queda relegada á última posición, aínda que permanecen as explotacións hortícolas para autoconsumo ou como complemento das rendas familiares. Neste sector primario destacan as producións vitivinícolas (Ribeiro) e, sobre todo, a dos pementos. O sector secundario dá traballo ao 32,5% da poboación ocupada, o 22,4% na industria e o 10,1% na construción, aínda que os empregos están radicados fundamentalmente en Ribadavia e Ourense. No sector turístico estanse a rexistrar iniciativas emprendedoras, como a da Vila Termal de Arnoia, centro no que se realizan os tradicionais tratamentos balnearios, complementados por unha oferta de actividades de lecer que tamén inclúe viaxes en catamarán polo Miño. As comunicacións realízanse pola estrada local OU-402, que atravesa o concello en sentido meridiano, e conecta con Cortegada e Ribadavia e coa autovía A-52, dirección a Ourense e Vigo.
Historia
As mostras máis antigas do poboamento da Arnoia son da época castrexa, da que destacan os restos dos castros da Cidade e Castrou. O mosteiro beneditino de San Salvador de Celanova que posuía xurisdición sobre ela durante a Idade Media e Moderna. O concello, rico en viños e produtos da horta, foi tamén codidicado por numerosos poderes que exerceron o señorío sobre o territorio. Coa creación en 1813 dos primeiros concellos formouseo o da Arnoia, integrado no partido xudicial de Celanova e na provincia de Galicia. No 1821 incorpórase á nova provincia de Ourense. No 1857 pasou ao partido xudicial de Ribadavia. Posteriormente hai que salientar a aparición e desaparición en distintos nomenclátores da parroquia de Remuíño, anexionada á Arnoia definitivamente sen que supoña alteración ningunha nos límites do concello.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destaca a igrexa parroquial de San Salvador de 1662, a casa reitoral, antigo priorado de Celanoca, e as capelas de San Roque, ou San Vicente, do s XVIII, de Nosa Señora da Asunción en Lapela, Santo Antonio en Remuíño e San Amaro, dos ss XII e XV, e a de San Miguel. No eido da arquitectura civil destacan a casa do Inquisidor en Remuíño, a casa dos Valdés en Outeiro Cruz, a casa dos Uxía en Quinteiros, a casa da Señora en Lapela e a casa dos Rial, ademais da torre ro reloxo de San Roque, erixida en 1940 pola Sociedad Arnoia dos residentes en Uruguai. Celébranse numerosas festas relixioasa como as de San Amaro en xaneiro, o San Amarao da Pascua, San Marcos en abril, as de Santa Rita, patróa da vila, en mario, a de Santo Antonio e Pádua en xuño, a festa da Virxe do Socorro na capela do balneario en xuño e, xa no mes de agosto, as de San Roque, San Bartolomeu , San Ramón Nonato, Nosa Señora das Neves e Nosa Señora da Asunción. No mes de agosto celébrase tamén a Festa do Pemento.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Ribeiro, O
Extensión 20 Km2
Poboación Total 1171 h
Poboación Homes 568 h
Poboación Mulleres 603 h
Densidade de poboación 58.55 h/Km2

Parroquias

Arnoia, A
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias